O Supremo aceptou a prórroga de Ence en Pontevedra porque existía un informe ambiental "favorábel" da Xunta

Factoría de Ence en Pontevedra (Foto: Xaquín Soliño).
A sentenza, feita pública esta cuarta feira, xusto un mes despois de que se coñecese a resolución, permite a continuidade da factoría en Lourizán até 2073.

O Tribunal Supremo avalou a prórroga concedida á fábrica de Ence na ría de Pontevedra ao existir un informe ambiental favorábel da Xunta e porque "non lle era de aplicación" a limitación que impón un artigo da Lei de Costas sobre a actividade a que se debe dedicar a instalacións situadas no litoral.

Así o recolle a sentenza, feita pública esta cuarta feira, xusto un mes despois de que se coñecese a resolución que permite a continuidade da factoría en Lourizán até 2073.

Os maxistrados conclúen que, por non ser de aplicación o artigo 32 da Lei de Costas, e "existindo informe favorábel que preceptivamente debía emitir a Administración galega, a conclusión leva á confirmación da decisión administrativa orixinariamente impugnada", isto é, a prórroga á planta.

En concreto, devandito artigo recolle que "unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización".

Na sentenza, os maxistrados conclúen que "a única xustificación que para o Tribunal de instancia concorría no presente suposto era que as instalacións non tiñan necesariamente que situarse no litoral, nos terreos de dominio público marítimo-terrestre en que se atopaban, senón que da proba practicada conclúe que poderían e debían instalarse fóra do referido dominio".

Fronte a isto, sosteñen que "as concesións sobre o dominio público marítimo-terrestre que foron outorgadas en base a dereitos anteriores á entrada en vigor" desa lei "e conforme ao seu réxime transitorio, que se acolleron ao dereito recoñecido na Lei 2/2013, teñen dereito a unha prórroga de até setenta e cinco anos, computados desde a data en que foi concedida dita prórroga, mantendo o mesmo réxime de uso e actividade do que viñan gozando".

A única "limitación" que estabelece o Supremo é "que tales prórrogas están condicionadas ao outorgamento dun informe favorábel (noutro caso debe motivarse) do órgano ambiental da Galiza, no que se determine os efectos que a ocupación ten para o medio ambiente".

O voto particular

A sentenza tamén recolle o voto particular que emitiu unha das maxistradas, que difire dos outros catro. No seu caso, considerou que se debía confirmar a decisión da Audiencia Nacional de anular esta prórroga, para o que fai referencia ao "dano" da actividade da planta de celulosas no litoral sobre o que se asenta.

Advirte así de que "non pode esquecerse que a prórroga extraordinaria da que aquí se trata, que (...) afecta usos incompatíbeis co dominio público marítimo terrestre, ten unha duración de até 75 anos que se superpoñen aos 30 anos que derivan do réxime transitorio da Lei de Costas de 1988".

Así mesmo, "en supostos como o de autos, engadiríanse, ademais, ao período que vai desde o outorgamento da concesión, en moitos casos para mediados do século XX ou mesmo antes".

Sobre esta "extensión temporal", segundo lembra a maxistrada que emitiu o voto particular, "chamou a atención o Consello de Estado".

Así, apunta a un ditame co que advertía de que "vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversíbel sobre estes ecosistemas tan delicados".

Aínda citando o referido informe do Consello de Estado, sinala que isto "pode facer irreversíbel o dano causado" ao dominio público marítimo terrestre, "impedindo a súa conservación e a sustentabilidade do seu uso ou xerando enormes custos a longo prazo na súa rehabilitación ou restauración, coas consecuentes consecuencias económicas que un principio de valorización a curto prazo impide previr".

Estas "razóns" enténdeas a maxistrada "máis que suficientes para ser tidas en conta" na interpretación que propón "en harmonización dos diversos valores e bens constitucionais en xogo".

Recursos

Hai un mes transcendeu que a sección quinta da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo estimara os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra até o ano 2073.

En concreto, a resolución, autorizada con data de 20 de xaneiro de 2016, cando Mariano Raxoi dirixía o Goberno español, outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos (a contar desde a data de solicitude, en 2013) da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.

A sala considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorábeis" e no asunto analizado, remarca, "constaban informes favorábeis da Administración nesa materia".