A Xunta négase a solucionar os contratos en fraude de lei das investigadoras da sanidade

Persoal investigador das fundacións biosanitarias de xestión privada que traballan para o Sergas (Nós Diario).
A Plataforma galega de traballadoras e traballadores de investigación sanitaria denuncia que o Goberno galego fechou a porta a abordar esta situación na negociación do convenio das fundacións privadas que xestionan a investigación para o Sergas.

O delito de investigar ten como castigo a precariedade laboral. Así o manifestan desde a Plataforma galega de traballadoras e traballadores de investigación sanitaria (Plagtis), que está composta polos comités de empresa das tres fundacións privatizadas que xestionan a investigación para o Sergas: a Fundación Biomédica Galicia Sur de Vigo, a Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Segundo traslada este colectivo, a Xunta da Galiza négase a que se acorde ningunha forma de estabilidade laboral para as investigadoras e investigadores das fundacións de investigación sanitaria da Coruña, Santiago e Vigo.

Na negociación do primeiro convenio colectivo para o persoal destas fundacións abordouse a situación de fraude de lei que sufren moitos e moitas ao manterse con contratados temporais máis alá do permitido, superando os dez anos nalgúns dos casos.

Porén, desde a Plagtis aseguran que a Xunta "fechou a porta á negociación" e que, desta maneira, as investigadoras e investigadores fican desamparadas. Segundo explican, están obrigadas á denuncia pública ou individual (vía xudicial) "como única saída para estabilizar a súa contratación, promovendo a crispación en lugar da cordialidade e o bo ambiente".

"No peor momento sanitario do país en décadas quedou patente que a investigación biomédica é máis necesaria que nunca e, porén, a profesión de investigadora queda 'pateada' no ámbito sanitario", lamentan.

"Estamos a piques de ver como unha xeración enteira de investigadores fai toda a súa carreira profesional en condicións de precariedade", sinalan, para resaltar que este persoal contribúe á xeración de novo coñecemento sobre as enfermidades, ó desenvolvemento de novos tratamentos, métodos de diagnóstico e mesmo á creación de empresas biotecnolóxicas.

O "desleixo" da Xunta de cara á investigación e o persoal asociado a esta queda demostrado na negociación deste convenio, segundo manifestan desde a Plagtis, xa que "queren deixar fóra do convenio a todo o persoal que consiga financiamento para o seu propio contrato", "néganse a falar dun plan de estabilidade para o persoal" e "tras máis dun ano de reunións aínda non temos sobre a mesa a súa proposta económica".