Investigación e I+D+i: Unha economía galega baseada no coñecemento

Investigadora nun laboratorio do hospital de Compostela (Europa Press).

Traballadores e traballadoras da ciencia na Galiza reclaman equiparar o investimento mínimo á media estatal, o 1,24% do PIB, e unha carreira investigadora.

A comunidade científica galega coincide na necesidade de que o Goberno da Xunta que saia das eleccións do 12-X aposte pola investigación cun incremento do investimento equiparábel á media estatal, o 1,24% do PIB, ou á europea, que supera o 2%, para "estabilizar" os contratos do persoal e crear unha carreira investigadora.

Reclaman un "pacto galego pola investigación", a creación dunha entidade que non dependa da cor do Goberno e que garanta, como explican desde Investigal e a AIC, "un programa regular e estábel de convocatorias públicas para financiar a investigación galega". "A Xunta ten dividido o orzamento de I+D+i entre a Consellaría de Educación e a Consellaría de Industria, quedando moi pouca porcentaxe para a investigación no ámbito hospitalario.

O reparto de fondos de investigación ten que basearse unicamente na excelencia e no mérito, non na organización de presupostos dos departamentos ou nos lobbies institucionais", sinala María Mayán, quen incide en que "hai que acabar coa precariedade en todas as categorías profesionais no ámbito científico. Asinar un convenio laboral e rematar cos contratos temporais en fraude de lei".

Elena Lendoiro: "Precisamos estabilidade e unha carreira investigadora digna"

Presidenta da Rede Galega pola Investigación, InvestiGal.

"Precisamos estabilidade e unha carreira investigadora digna", destaca Lendoiro, quen explica que "non se pode facer investigación eficaz" concatenando contratos de 2 ou 3 anos. "Buscamos un pacto galego pola investigación, cremos que é unha demanda que se debería ter moi en conta. Se queremos que de verdade a investigación sexa un eixo estratéxico do país é necesario ter un pacto para que todos rememos na mesma dirección", conta en representación de máis de 200 investigadores da Galiza. Lendoiro constata a "fuga de cerebros" e apunta que isto sucede após preto de 300.000 euros de cartos públicos investidos na formación dese profesional, completado o doutoramento.

Laura Camino: "Hai que incrementar o investimento en ciencia até o 1,24% do PIB"

Vicepresidenta da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC).

"Dedicarse á investigación supón unha escolla profesional que demanda unha altísima cualificación e unha brutalísima competitividade", di Camino, para evidenciar que ese esforzo "non ten unha correlación na realidade laboral: existen pouquísimas oportunidades profesionais, os soldos son precarios e é frecuente o traballo gratuíto". "É necesario incrementar o investimento en investigación na Galiza (o 0,94% do PIB) e situarnos, como mínimo, na media estatal de 1,24% do PIB e preferibelmente na media europea de 2,11%", resalta. "Deberían apostar por un novo modelo económico baseado no coñecemento. A investigación básica e aplicada xera riqueza económica e social", defende.

María Mayán: "Non hai relevo. O Goberno non foi capaz de estabilizar o talento captado"

Xefa do Grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic).

"A idade media do investigador líder de grupo no ámbito hospitalario na Galiza supera os 55 anos. Non hai relevo xeracional e a Administración nestes últimos 10 anos non foi capaz de desenvolver un plan de estabilización para o talento captado. Aqueles que quedamos estamos todos contratados en condicións precarias, ou ben con salarios que non se corresponden á nosa categoría profesional ou con contratos temporais en fraude de lei", di María Mayán, quen indica que "a nivel de investigación hospitalaria fai falla reorganizar o modelo de xestión e contratación" pois uns están en fundacións privadas e outros contratados a través do propio Sergas.

Leonor Parcero: "As Administracións deben garantir e apoiar a difusión da ciencia"

Presidenta da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.

"Necesitamos compromiso para unha política científica coherente, estábel e duradeira, que non se vexa afectada polos cambios políticos dos sucesivos Gobernos", sinala Parcero, quen reclama un pacto de Estado pola ciencia e un plan para a comunicación social da cultura científica. "A cidadanía precisa poder participar plenamente e de maneira informada do debate democrático das políticas científicas. Ten dereito a ser informada de forma accesíbel e comprensíbel sobre os investimentos públicos en I+D+i, en tanto que financiadora das mesmas a través dos seus impostos", explica. "A ciencia é cultura e as Adminstracións deben garantir e apoiar a súa difusión asegurando fondos e financiamento", asevera.