SOCIAL

A precariedade aniña nos laboratorios da Galiza

De esquerda a dereita, as investigadoras Astrid Pérez, Carlos Spuch, María de la Fuente, María Mayán e Manuel Collado (Nós Diario).
As investigadoras do eido sanitario María Mayán, Manuel Collado, Astrid Pérez, María de la Fuente e Carlos Spuch falan da precariedade e inestabilidade que viven dentro dos laboratorios e do nulo apoio que reciben da Xunta.

Manuel Collado dirixe o grupo de células nai en cancro e envellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela, dependente do Sergas. Traballou como investigador en Londres e Nova York e tiña un contrato indefinido no Centro Nacional de Investigación Oncolóxica (CNIO). En 2012 decidiu estabelecerse na Galiza após entrar no programa Miguel Servet, do Instituto de Saúde Carlos III, que naceu para dar pulo á investigación nos hospitais. Ao remate, o Sergas tiña a obriga de ofrecerlle un contrato indefinido como investigador biosanitario.

Esta segunda feira, con 25 anos de experiencia e unha traxectoria moi destacada no eido da investigación sobre cancro a nivel internacional, quixo acceder ao seu correo electrónico do Sergas e non puido. Levaba seis meses tratando de inquirir o que pasaría o 31 de maio, data límite do seu contrato, e de que maneira o avaliarían para a súa continuidade. Mais comezou xuño e ficou sen traballo. A frustración levouno a pór un chío e, nunhas 12 horas, a Administración ofreceulle un contrato dun ano.

"O único diñeiro que inviste a Xunta en investigación é para empresas", salienta Collado

O de Collado non é un caso illado. "Ten que servir como exemplo de todo o demais. Todos estamos así: absolutamente ninguneados e humillados. É moi forte que non só non te sintas apoiado, senón que esteas denigrado e humillado pola túa institución", conta a Nós Diario.

"Vivimos nunha inseguridade constante. Teño liñas de investigación, compromisos internacionais, xente traballando ao meu cargo... Non se pode facer ciencia cunha concatenación de contratos dun ano. Así non podes optar á maioría de axudas e complícase aínda máis a búsqueda de financiación porque o teu contrato non cubre a duración de ningún proxecto que queiras desenvolver", explica.

"Non hai nin un euro para investigación en sanidade"

O seu equipo vén de publicar na prestixiosa revista internacional Nature Communications un novo artigo sobre as terapias para eliminar células envellecidas nas que están a traballar.

"Observamos que durante a quimioterapia do cancro, cando non consegue eliminar o tumor matándoo, indúcelle un estado como de envellecemento. Entón, podemos complementar a quimioterapia actual para facela máis efectiva e eliminar por completo as células tumorais se a aplicamos xunto a estes compostos que eliminan esas células envellecidas", describe Collado.

Con este traballo están a competir "cun instituto do cancro dos Países Baixos que ten millóns investidos nisto e cun grupo que está na clínica Mayo nos EUA que ten un montón de millóns". "E ti es o probriño que compite coa pouca financiación nacional que puido conseguir. Porque na Galiza a investigación sanitaria non se financia. Non hai nin un euro para investigación en sanidade. É incríbel, noutros territorios non pasa".

"Hai unha falla de cultura científica e de respecto cara ao noso traballo", critica María Mayán

Manuel Collado salienta que na Xunta "hai un nivel esaxerado de desatención e despreocupación" e que ás investigadoras e investigadores non se lles dá "absolutamente nada". "Non nos dan nin a bata para estar no laboratorio", sinala, para engadir que o apoio "é nulo". "Se as cousas nos van ben non é precisamente polo apoio das institucións. Todo o que tes parte do diñeiro que ti consegues concorrendo a convocatorias estatais ou internacionais. Aquí a institución non che dá nada, queda cunha parte do teu diñeiro e con iso xestiona o espazo", asegura.

"O único diñeiro que se inviste desde a Xunta para investigación é en subvencións a empresas. Pensan que o que compensa da ciencia é a produción tecnolóxica, pero iso vén despois de ter un sector forte de investigación básica. Non podes construír a casa polo tellado, non podes dar millóns de innovación a empresas de base tecnolóxica se non existen esas empresas, non sei cantos produtos tecnolóxicos se venderon nos últimos anos... O que hai é ficticio, investimentos en empresas que despois non chegan a facer nada", critica.

Contribuír desde Galiza. Esa era a intención de Manuel Collado cando deixou o CNIO para instalarse aquí coa súa familia. Non esconde que lle gusta moito poder vivir na Galiza, mais o menosprezo constante polo seu labor dificulta a súa continuidade.

María Mayán: "Non é por diñeiro, é por respecto"

"Non hai vontade nin interese en facer as cousas ben", resume María Mayán, investigadora xefa do grupo de investigación CellCOM no Instituto de Investigación Biomédica, que pertence ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O seu contrato depende da Fundación Profesor Novoa Santos, que xestiona a investigación biosanitaria para o Sergas na cidade. Mayán asegura a Nós Diario que tanto esta entidade como a Xunta "negáronse a manter as condicións descritas no DOG [Diario Oficial da Galiza]" para o programa. "Incumpren a lei. Temos un contrato indefinido tras unha inspección de traballo na fundación de Vigo".

"O máis lamentábel é que son a única investigadora no ámbito hospitalario que participa no proxecto do Pilar de Ciencia Excelente, do programa europeo Horizon2020, e isto debería servirlles para suplementar o meu salario polo menos ao mesmo nivel que outras compañeiras xefas de grupo", salienta.

Mayán incide en que esta "é a peor Administración que temos desde hai 10 anos" na Galiza. "A súa política é a de non facer nada. Estou agardando a que o presidente da Xunta me reciba porque xa o fixeron dúas veces na Consellaría de Sanidade, pero para dicirme 'que o comprenden e que hai que solucionalo'. Así levamos cinco anos", afirma.

Mostra a súa incredulidade ao considerar que a súa situación, na que están outras oito investigadoras no país, se podería arranxar "con moi pouco diñeiro" e "de forma moi rápida porque os nosos contratos están xestionados a través das fundacións privadas".

"Non é por diñeiro, é por respecto. Cóstalles pagar un salario digno ás investigadoras e investigadores. É unha falla de cultura científica e de respecto cara ao noso traballo. Resulta moi frustrante lidar con este tipo de xestores e con esta Administración. Temos razóns para estar enfadados", asevera Mayán.

Astrid Pérez: "Son todo pedras no camiño"

A investigadora Astrid Pérez traballaba no equipo da microbióloga Margarita Poza no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e o pasado decembro quedou sen contrato. Mais unha das súas investigacións está a ser avaliada pola revista PNAS, da Academia Nacional de Ciencias dos EUA, para a súa publicación. "Son todo pedras no camiño. Estou publicando os resultados deste proxecto xa no paro".

Pérez conta a Nós Diario que quixo presentarse ao programa Miguel Servet, algo que só pode facer a través das fundacións privadas adheridas ao Sergas porque non hai un centro público de investigación biosanitaria. "Un cambio no BOE [Boletín Oficial do Estado] di que despois dos cinco anos que dura o teu contrato a través deste programa, as fundacións teñen que estabilizarte", explica, polo que "se puxeron de acordo para pór un número de corte moi alto" e "da ducia de candidatas que Galiza podía ter presentado non foron nin a metade". "O feito de que teñan unha xestión privada está a perxudicarnos", incide.

María de la Fuente: "O I+D+i galego reséntese"

"Se os investigadores non estamos en boas condicións todo o sistema de I+D+i galego reséntese porque non estamos a atraer recursos e non teremos capacidade de xerar postos de traballo, coñecemento e produtos que poidan chegar ás doentes", asegura a Nós Diario María de la Fuente, que segue a loitar para rematar coa penalización da muller na carreira científica.

De la Fuente apunta que na lei de sanidade está contemplada a figura de investigadores biomédicos, que serviría para "estabilizar" os seus postos de traballo. Ademais, sinala que desde as institucións mírase á ciencia cun pensamento "a curto prazo" que impide o desenvolvemento.

"Se Galiza quixese apostar por unha economía baseada no coñecemento, traería moitísimo valor. Con esta crise sanitaria quedou en evidencia que non temos capacidade de autoabastecemento e somos moi dependentes. E todo ten que empezar por pór en valor os teus recursos humanos", asevera.

Carlos Spuch: "Non hai  carreira científica"

"Os políticos de todas as cores ven na ciencia un gasto e non un investimento. Non imaxinan unha aposta pola Galiza de dentro de 20 anos e a ciencia depende do cerebro da xente non do cara que sexa a máquina que tes", di Carlos Spuch a Nós Diario, doutor en Neurociencia e investigador no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, dependente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Insiste en que é preciso que se recoñeza unha carreira científica. "As condicións agora son peores que hai 10 anos",  sostén Spuch, que lamenta que cada vez menos estudantes queren facer a tese porque ven "como é todo a base de parches e cada día invístese menos en ciencia".

Do seu laboratorio saíu a idea de tratar con litio doentes da COVID-19, agora en fase de aprobación como ensaio clínico. "A xente ten que saber que se isto o facemos aquí, son os nosos pacientes os que se benefician. E así con toda a investigación", destaca.