Astrid Pérez, investigadora: "Estánlle a cortar as ás aos científicos"

A investigadora biomédica Astrid Pérez (Nós Diario).
"Así é como sobrevivimos, intentando sacar cartos de debaixo das pedras para poder investigar", asegura a microbióloga a Nós Diario.

"Estánlle a cortar as ás aos científicos". A microbióloga Astrid Pérez conta a Nós Diario como as fundacións privadas que xestionan a investigación sanitaria para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) limitaron o acceso das investigadoras e investigadores galegos ao programa Miguel Servet, que era ao que ela aspiraba presentarse.

Despois de ler a tese en 2012, Astrid Pérez conseguiu un contrato posdoutoral da Xunta. "O programa que implantou Feixoo cando eliminou o plan de investigación galego Incite que creou o bipartito, e que impulsaba significativamente a carreira científica galega", explica. Pasou dous anos investigando nos EUA e á volta incorporouse na Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde continuou co seu proxecto de investigación e, ao mesmo tempo, impartiu clase na facultade de Medicina e Bioloxía.

Estamos moi acostumados a isto. Pero outra cousa é o maltrato sistemático por parte das institucións

Este currículo non foi suficiente para conseguir unha das 20 prazas ofertadas pola Xunta para continuar na modalidade B do programa de investigación, que lle concederan tres anos atrás.

Foi entón cando lle chegou a resposta a un proxecto que presentara, para o que lle daban 100.000 euros para desenvolver en dous anos. "Pero estaba sen contrato e sen institución", conta a investigadora. Finalmente, logrou entrar de novo na equipa de Germán Bou, xefe do servizo de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), no Instituto de Investigación Biomédica da cidade.

Ao ano seguinte acadou un Juan de la Cierva-incorporación. Con todo, a duración destes contratos "non é suficiente" para levar a cabo a maioría dos proxectos científicos. "Así é como sobrevivimos, intentando sacar cartos de debaixo das pedras para poder investigar", afirma.

Estabilizar ás investigadoras

Este contrato remataba en decembro de 2019, polo que intentou competir para entrar no programa Miguel Servet na convocatoria 2020. Nesta, como novidade, incluíase unha cláusula de compromiso de estabilización por parte das institucións para os investigadores recoñecidos con este programa.

"Os científicos traballamos para acadar máis méritos e seguir presentándonos a axudas e proxectos. É o único modo para subsistir na ciencia neste país", asevera. A súa sorpresa chegou cando as fundacións biomédicas da Coruña, Compostela e Vigo decidiron "unilateralmente", e co pretexto "de manter o nivel de excelencia", limitar o acceso a este programa Miguel Servet impoñendo unha puntuación de corte moi elevada. "Iso da excelencia só apareceu cando viron o da cláusula de estabilización futura, cheira ao chamusco", advirte.

"É inxusto que a institución para a que traballo me avalíe segundo criterios que non favorecen ao investigador. As nosas propostas xa son avaliadas por expertos que basean as decisións en criterios científicos. O que están a facer aquí as fundacións é limitar que cheguemos a presentarnos e están deixando fóra a investigadores que poderían ter acadado esta axuda", explica Astrid Pérez, que indica que na Galiza só se poden presentar a través destas fundacións privadas.

Iso da excelencia só apareceu cando viron o da cláusula de estabilización futura

"Non é que impoñan unha nota de corte sen avisar, senón que desde que soubemos que se abría o prazo para presentarnos, pasaban os días e non tiñamos nin idea do que estaba a pasar. Non nos entraba na cabeza o feito de non poder presentarnos. Está claro que o problema veu por incluír a cláusula para estabilizar os contratos".

Finalmente, das doce axudas que poderían ser adxudicadas ás fundacións galegas, estas só presentaron menos da metade de candidatos. "Estamos moi acostumados a isto. Escoitamos moitas veces o de 'sabiades onde vos metiades'. Pero outra cousa é o maltrato sistemático por parte das institucións. A xestión privada estanos a perxudicar en moitos aspectos; se se nutren de cartos públicos o normal é que teñan unha xestión pública", apunta Pérez.

"Que non xoguen co noso futuro"

Isto pasou noutras fundacións hospitalarias de xestión privada no Estado e as investigadoras e investigadores querían unirse para denunciar a situación, mais a crise do coronavirus paralizou todo. "Sobre todo, queremos pedir que non xoguen co noso futuro", destaca a galega.

"Son parches, sempre parches. Agora mesmo estou traballando de balde, porque se unha investigadora posdoutoral, coma min, para durante un ano queda fóra do sistema. É o que hai... Ou ben, pides para marchar a Alemaña ou os EUA, onde nos valoran e nos tratan como verdadeiros profesionais", lamenta.

Ao non poder presentarse este ano ao programa Miguel Servet, Astrid Pérez terá que agardar, no mellor dos casos, até 2022 para optar a un contrato de cinco anos como investigadora. "Agora non me libra ninguén doutro ano de incertidume, porque aínda que me poida presentar na seguinte convocatoria xa é para 2022", conta, mentres pensa que a outra opción é marchar da Galiza.

Con todo, unha vía de esperanza abriuse para ela recentemente, pois a empresa farmacéutica que antes da COVID-19 quería financiar un dos seus proxectos, volve estar interesada e podería voltar ao laboratorio a finais de ano. Iso si, para outro proxecto concreto e con fondos privados.