Investigadoras da USC: "Estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente

investigadoras laboratorio usc

A Asemblea de Investigadoras de Compostela denuncia a falta de aposta pola investigación do Goberno galego nesta última década. Sinala que o actual modelo laboral, pouco intensivo no emprego de coñecementos ou tecnoloxía, "ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación de recursos naturais".

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (o INE), o investimento en investigación e desenvolvemento na Galiza reduciuse nos últimos anos situándose por baixo de 1% do Produto Interior Bruto. Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), aseguran que na Galiza "estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente".

Na Galiza estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente, aseguran desde a AIC

"A crise de 2007 podería ter sido unha oportunidade para mudar o modelo produtivo da Galiza, para investir en investigación, mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega", engade este colectivo, que critica as políticas da Xunta da Galiza na década do popular Alberto Núñez Feixoo no Goberno.

A AIC xurdiu para protestar contra a precariedade do persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela. As súas integrantes defenden que o investimento en investigación “xera riqueza e melloras sociais, en tanto que supón unha fonte inesgotábel de avances tecnolóxicos médicos ou enerxéticos, pero tamén un piar para convivirmos de maneira máis xusta igualitaria, crítica e sostíbel".

A Xunta produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos na última década, din

Nun comunicado, denuncian o "desdén" da Xunta de Galiza na última década. “Produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos. Segundo Eurostat, o sistema produtivo galego, apuntan as investigadoras, especializouse arredor de actividades de contido tecnolóxico medio-baixo e pouco intensivas no emprego de coñecemento.

“Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, afectando a toda a poboación, pois ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación de recursos naturais, o que afecta con especial virulencia as persoas novas e as mulleres”, aseguran desde a AIC.

Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, critican

O colectivo reflexiona na necesidade de mudar dun sistema dependente da construción, o turismo ou a hostalaría a outro que aposte na creación de empregos "de calidade" e "capaces de xerar retorno de cartos da maneira máis duradeira posíbel".

Fenda de xénero na investigación

Na Galiza, tamén a porcentaxe de mulleres no colectivo investigador diminuíu progresivamente na última década. Menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras son mulleres na actualidade. Elas “sofren un intrincado sistema de opresións” desde o inicio das súas carreiras, din desde a AIC.

Un exemplo é a propia universidade, na que máis de 60% do alumnado son mulleres, mentres que o número de titulares mulleres é inferior á metade e o das catedráticas non chega a 25%, destaca a AIC.

As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, censuran

“As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, ao contrario do ditado polas disposicións estatais ou europeas”, expoñen os e as integrantes do colectivo.