Estudantes e profesorado rexeitan a reforma educativa de Wert e o BNG promete recorrela

A CIG-Ensino pensa que producirá unha maior privatización e os Comités afirman que é “unha agresión ao dereito de igualdade”. O candidato nacionalista, Francisco Jorquera, cualificouna de “elitista, segregacionista por escalas sociais e xéneros, e centralista” e anunciou que, se o BNG gaña o 21-O, a reccorerán por "inconstitucional" e invadir competencias.

 

A aprobación polo Consello de Ministros da denominada 'Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa' está a recibir duras críticas no nacionalismo galego por parte de sindicatos, organizacións estudantís e o propio BNG.

O BNG recorrerá a reforma educativa se gaña as eleccións do 21-O

Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, asegura que as medidas que aprobou o goberno español “suporán a inestabilidade dos cadros de persoal dos centros, recortes profesionais e laborais e menor calidade no ensino”. Sobre as modificacións que afectarán ao alumnado na súa totalidade desde o sindicato nacionalista apuntan que as revalidas, ao final das etapas educativas, son “unha visión clasista e elitista da educación” ademais de crear unha situación de “desconsideración” cara o profesorado ao desaparecer a avaliación continua.

Da mesma opinión é Antón Freire Varela, responsábel nacional de Ensino Medio dos Comités para o que recuperar as reválidas é un retroceso de máis de corenta anos. “Resulta inaceptábel volver ao modelo de ensino de Franco, fracasado en todos os aspectos educativos” denunciou.

Privatización e centralismo

Analizada a Lei que vén de aprobar Madrid, a CIG-Ensino denuncia que a inocente denominación de “autonomía dos centros” oculta en realidade unha listaxe de centros segundo os resultados do alumnado “sen ter en conta o contexto socioeconómico”. A partir desta listaxe dotarase de recursos aos centros e influirá nos soldos do profesorado.Outro dos puntos da nova Lei que máis preocupa á central sindical nacionalista é a eliminación ou redución da carga lectiva de certas materias, entre as que non se atopa a relixión.

Desde os Comités denuncian que esta modificación aprobada polo goberno do Partido Popular potenciará un maior centralismo, unha menor calidade e unha drástica redución da oferta educativa. “Trátase de retrotraer competencias, reducir a oferta educativa e eliminar os itinerarios e todo isto baixo unha forte concepción ideolóxica por parte do PP de como debe ser o ensino” afirmou Antón Freire.

O BNG recorrerá a reforma desde o goberno

Francisco Jorquera, candidato nacionalista ás eleccións do 21 de outubro, asegurou que “se cambia o goberno o BNG recorrerá a reforma educativa por inconstitucional e invasiva de competencias”. O candidato foi moi duro coa reforma aprobada polo Consello de Ministros e cualificouna de “elitista, segregacionista por escalas sociais e xéneros e centralista”. Crítico cos recortes que leva adiante o PP reiterou que “as políticas de recortes só conducen a máis recortes”.