Wert cébase c@s repetidor@s na UNED: até 64€ por crédito en terceira convocatoria

Alumnado examínase na Universidade a distancia (Foto: UNED)
A universidade a distancia aplicou a menor das taxas impostas polo Goberno español. Educación penalizou especialmente o estudantado que se matricula da mesma materia por segunda ou terceira vez e, especialmente, da cuarta en diante, onde o prezo do crédito ascendería a 88€. O non-presentado fai correr a convocatoria a efectos de matrícula.

O 28 de abril, sábado, o reitor da UNED --a universidade estatal de educación a distancia--, Juan Antonio Gimeno, colocaba no seu blogue persoal unha entrada para respostar á "lóxica preocupación" espertada entre as ao redor de 250 mil persoas que cursan estudos nalgún dos 62 centros asociados ante a inminente subida das taxas alentada polo Goberno español. A media de idade do alumnado está nos 37 anos e o 80% ten obrigas de carácter familiar e/ou laboral.

O crédito en terceira matrícula 36€ máis caro que en 2011
Após catro meses de espera, finalmente o BOE publicou a orde de prezos. En primeira matrícula e para un grao de experimentalidade 1 --Física ou Química, por exemplo--, o crédito pasou dos 18,10€ aos 19,01€. O incremento non é o mesmo para todas as titulacións, pois os prezos relaciónanse co custo estimado de cada unha delas, mais sitúase ao redor do 10% respecto do curso anterior, cunha suba media de 1,5€ o crédito. Para licenciaturas, diplomaturas e enxeñarías o incremento medio na primeira matrícula é do 6,26%, e de 14,22% nos mestrados.

A meirande parte do alumnado da UNED compatibiliza os seus estudos con traballo e/ou responsabilidades de carácter familiar

Mais o RD do Goberno español castiga especialmente as segundas e, sobre todo, as terceiras e sucesivas matrículas. Aínda que a UNED fixou a menor das taxas contempladas no intervalo marcado, seguindo co exemplo anterior --19,01€ en primeira--, na segunda o crédito custaría 29,25€; na terceira 63,37€; e nas seguintes ascendería até os 87,74€. O curso 2011-2012, na segunda matrícula o crédito custaba 7€ menos. Na terceira, até 36€ menos.

Esta medida resulta especialmente gravosa dado que --como xa se sinalou-- a meirande parte do alumnado da UNED compatibiliza os seus estudos con traballo e/ou responsabilidades de carácter familiar, e non pode dedicarse por enteiro ás tarefas académicas, motivo polo que optan por se matricular nunha universidade a distancia. 

Calculamos o custo dun curso no grao de ciencias políticas
Colocadas as cifras, botamos agora contas para o grao en Ciencias políticas, un dos máis reclamados para estudar a distancia. A titulación fai parte do grupo 6, polo que os prezos do crédito son os máis baratos da UNED. Por exemplo, de queremos matricular do segundo curso completo, 10 materias de 6 créditos, cada un custa 12,04€, por ser a primeira vez que nos inscribimos, polo que pagariamos 722,40€ en total.

Unha faixa ben numerosa de estudantes matrículase para ter dereito a se examinaren e non fan apenas uso de ningún servizo da UNED

Mais do primeiro curso temos unha materia suspensa que cursaremos este ano: son outros 6 créditos, e o prezo ascende até os 16,90€ por ser segunda matriculación. Tamén nos inscribimos dunha materia máis, á que non puidemos presentarnos en dúas convocatorias anteriores: outros 6 créditos a 31,29€ cada un por ser a terceira vez. Agora si: o total da nosa matrícula serán 1011,54€.

Lembramos que no grupo 6 é onde o crédito ten o prezo máis baixo. A mesma matrícula para o grao en Psicoloxía --grupo 4 e outro dos máis demandados-- roldaría xa os 1.300€. En Química --grupo 1-- acariñaría os 1.700€ mais, neste caso, de nos matricular nunha materia de 6 créditos por cuarta vez xa nos custaría case 527€. Prezos especialmente desorbitados tendo en conta que unha faixa ben numerosa de estudantes matrículase para ter dereito a se examinaren e non fan apenas uso de ningún servizo da UNED --as titorías presenciais de moitas materias son en horario laboral--, agás poder acceder a plataforma docente en liña. 

O estudantado reacciona: unha reforma sen ningún sentido para a UNED e que segue o camiño da privatización 
"A principal apreciación que se pode facer respecto da suba das taxas neste caso é que non ten ningún sentido", valora Daniel Candal, da organización estudantil Comités. Saleta Chao, da Liga estudantil galega, considera que "non se tivo en conta o papel que xoga a educación a distancia, como saída para complementar estudos con traballo ou cargas familiares". 

Así as cousas, tanto Chao como Candal fan especial fincapé no feito de que o alumnado da UNED non fai uso de "practicamente ningún" servizo, fóra do dereito a un exame. "Suponse que cando pagamos unha matrícula na universidade pública, ese diñeiro vai para cubrir gastos de persoal e de mantemento. Se non hai docencia, a onde van parar eses cartos?", inquire a integrante da Liga estudantil, lembrando que o prezo por unha materia matriculada en cuarta convocatoria pode acariñar os 600€, case o prezo da primeira matrícula completa nun grao como Socioloxía ou calquera dos que fan parte do grao 6 de experimentalidade. 

Na mesma liña pronúnciase polos Comités Daniel Candal, lembrando que en calquera das universidades que fan parte do sistema galego "se non hai dereito a docencia quen se inscribe nesa titulación paga só unha cantidade que non supera os 50€ para se poder examinar". Neste sentido, o responsábel nacional deste colectivo estudantil apunta a que a suba dos prezos desta volta non se corresponde nin coa óptica "de mercado" baixo a cal se impón a contrarreforma educativa, facendo do ensino un negocio. "O que temos que pagar non cadra cos servizos de que podemos gozar", quéixase o estudante.

É máis caro repetir na UNED que na universidade pública convencional

E é que o único servizo que o alumnado da UNED goza é o dereito a se examinar. Tendo en conta as características particulares de quen opta por estudar a distancia --as xa sinaladas cargas laborais e/ou familiares--, a posibilidade de se matricular máis dunha vez na mesma materia é real, e a "desproporción" que existe entre a primeira e a cuarta matrícula "é enorme!", subliña Saleta Chao ollando as cifras colocadas nesta información. "É máis caro repetir na UNED que na universidade pública convencional". Ás taxas de matrícula hai que engadirlle o prezo dos materiais didácticos necesarios para cursar as materias, o que encarece a mesma até niveis privativos.