Galiza Nova prepara mobilizacións para parar a "contrarreforma" educativa

A organización xuvenil do BNG mobilizarase contra a reforma Wert
Catro revalidas para o fin de cada ciclo e a imposición de contidos "precociñados" en Madrid provocan a reacción das mocidades do BNG que convocarán protestas os vindeiros días.

A "contrarreforma" educativa anunciada polo ministro de Educación español, José Ignacio Wert, activou a resposta das mocidades do BNG para o inicio do curso. Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, asegurou que diante este ataque á educación pública exercerán unha "forte oposición" con mobilizacións en toda Galiza.

As mocidades nacionalistas consideran que é unha Lei que "degrada ao máximo o ensino público e a igualdade de oportunidades a través da elitización e da españolización da educación”. Sobre este aspecto Aboi afirma que "é unha volta ao franquismo" onde o PP "quere impoñer no ensino a súa ideoloxía rancia e caduca.”

"Pretende limitar que en Galiza poidamos transmitir, mediante contidos propios e específicos, o coñecemento da nosa historia e cultura" denuncia Iria Aboi

Trabas ao alumnado
Galiza Nova critica que a nova Lei impoña máis probas para dificultar o desenvolvemento normal na traxectoria educativa do alumnado. "É un escándalo que se pretendan 4 reválidas como remate de cada ciclo, aos 8, 11, 16 e 18 anos”, sinala Iria Aboi. quen pon en cuestión a importancia pedagóxica de realizarlle unha proba xeral "a crianzas de 8 anos".

Para a Secretaria Xeral a única razón para estes cambios é "clasificar o alumnado e poñer aínda máis trabas á formación das clases populares".

Recortes tamén nos contidos
As mocidades nacionalistas tamén denunciaron que os contidos que aproba a "contrarreforma" de Wert danarán o coñecemento que do propio país está a aprender agora o alumnado do ensino público galego. "Pretende limitar que en Galiza poidamos transmitir, mediante contidos propios e específicos, o coñecemento da nosa historia, cultura e da base material da nosa nación, afondando na españolización da mocidade galega", asegurou Iria Aboi.

Por todos estes motivos Galiza Nova anunciou que convocará mobilizacións nos vindeiros días en todo o país. “A mocidade galega non vai ficar parada perante estas agresións ao ensino público".