O Cura de Xestoso: "Retirarei a palabra 'Israel' da miña liturxia, non podemos permitir o xenocidio"

Luís Rodíguez Patiño, coñecido como o 'Cura de Xestoso' (Foto: UNED).
“Xesús naceu en Palestina, creceu en Palestina e morreu en Palestina”, así o indica Luís Rodríguez Patiño, párroco de Momán en Xermade e de Labrada en Guitiriz, coñecido como o ‘Cura de Xestoso’.

“Xesús naceu en Palestina, creceu en Palestina e morreu en Palestina”, así o indica Luís Rodríguez Patiño, párroco de Momán en Xermade e de Labrada en Guitiriz, coñecido como o 'Cura de Xestoso' por ter oficiado misas nesa parroquia do concello de Monfero.

O sacerdote tomou a decisión de retirar todas as referencias a ‘Israel’ das súas liturxias após todo o acontecido nas últimas xornadas coa guerra e o “xenocidio” de civís palestinos inocentes.

En declaracións a Nós Diario, o Cura de Xestoso explicou as motivacións detrás desta decisión a cal xustificou dicindo que “na Biblia menciónase o pobo de Israel e a creación deste pobo mais ante o que está pasando non podemos xustificar a existencia deste pobo de Israel, que viola, que oprime e que bombardea outro pobo por completo”.

“É isto o que queremos?” pregúntase Rodríguez ao tempo que asevera que “os fillos de deus debemos estar completamente en contra deste masacre do pobo palestino”.

Xénese, 32: 28-30 é o versículo da Biblia que menciona a creación do pobo de Israel. Sobre isto, Rodríguez asegura que “ante a violación extrema e plena que se está cometendo por parte dese Estado de Israel só nos queda estar de lado do oprimido, o pobo palestino”. Con todo, o párroco quere deixar claro que “estar do lado de Palestina non significa xustificar as accións de Hamás, ao igual que non estou en contra dos xudeus nin do xudaísmo, senón en contra do sionismo”.

"Nada novo"

O conflito non é algo que só estea a acontecer agora. A este respecto, Rodríguez indica que “os palestinos levan vivindo anos e anos ameazados, viven nun cárcere a ceo aberto, e iso é algo que ningún pobo debe sufrir. Como cristiáns non o podemos permitir”.

Para alén diso, o Padre salienta que “a maioría do xudaísmo está en contra do que Israel está a facer, até moita poboación do propio Estado de Israel está en contra”. “Isto non é unha guerra entre dos Estados, é un masacre dun Estado contra un pobo”, acrecenta.

A solución

De acordo co Cura de Xestoso só hai unha solución posíbel ao conflito e ao exterminio do pobo de Palestina e pasa polo “dereito de autodeterminación e a creación dun Estado de Palestina”.