O informativo do mediodía da Televisión da Galiza (TVG) emitiu unha noticia sobre os traballos de exhumación que se están a levar a cabo nunha fosa común situada no municipio madrileño de Colmenar Viejo, onde se calcula que están sepultadas máis de cen vítimas do franquismo.
A fosa común recibiu a visita esta cuarta feira da ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, e do ministro de Presidencia e Memoria Democrática, Félix Bolaños, que anunciou que o Goberno español financiará a segunda fase dos labores de exhumación, unha vez que a primeira fase permitiu localizar 11 dos 108 cadáveres que alí se poden atopar.
Unha canle dixital pregunta, a TVG fai a peza. E a noticia, onde quedou? Isto non é xornalismo, é facer seguidismo da ultradereita! 🤬 #SomosServizoPúblico #DefendeAGalega pic.twitter.com/G0TFt8rroS
— DefendeAGalega (@DefendeAGalega) August 31, 2022
No corte de vídeo incluído pola TVG na noticia, que recolle as declaracións aos medios de Belarra, só se pode ver a intervención dun integrante do canal de You Tube de extrema dereita Estado de Alarma TV (EDAD TV), dirixido por Javier Negre.
Na intervención desta persoa, que a TVG emite íntegra, cuestiona á ministra pola visita á fosa común. “Xa que están visitando as vítimas da guerra, teñen pensado ver os españois que morreron en Paracuellos ou en Cabra?”, pregunta o integrante de EDAD TV, ao que que a ministra de Dereitos Sociais resposta cun conciso “vou responder aos medios de comunicación”.
Reaccións nas redes
Unha vez que a noticia emitida nos informativos da TVG chegou a coñecemento das redes sociais, foron moitas as reaccións en desaprobación. O colectivo de traballadoras do ente público de comunicación Defende a Galega denunciou que “unha canle dixital pregunta, a TVG fai a peza. E a noticia, onde quedou? Isto non é xornalismo, é facer seguidismo da ultradereita!”.
O xornalista Alfonso Hermida, un dos máis críticos coa situación da CRTVG, citou un chío de Javier Negre sobre o episodio ocorrido en Colmenar Viejo, facendo referencia a que o vira na TVG, e asegurando que “aínda” non se lle pasara “a indignación e a tristeza”.
Pola súa parte, a deputada do PSdeG no Parlamento galego Noa Díaz afirmou que a TVG “pasou todos os límites” ao “dar voz á extrema dereita nunha peza informativa sobre a exhumación de fosas”. “Vergoña e indignación! Por suposto, pediremos explicacións no Parlamento”, engadiu.