O Goberno español financiará por primeira vez a exhumación de dúas fosas de vítimas da represión na Galiza

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, explicou na sexta feira que o Executivo de Pedro Sánchez apoiará a "procura, identificación e dignificación de persoas desaparecidas” durante a represión na Galiza cunha primeira achega de 106.395,08 euros á Xunta para actuar sobre dúas fosas comúns en Cotobade e O Pino.

alex camara
photo_camera Restos dunha fosa exhumada en Granada (Imaxe: Álex Cámara / Europa Press)

A través dun comunicado de prensa, a Delegación do Goberno español destacou que supón "a primeira vez” que un Executivo estatal “habilita axudas directas ás comunidades autónomas para as actividades de procura e identificación de persoas desaparecidas durante a guerra civil ou a represión política posterior".

O Boletín Oficial do Estado formaliza esta sexta feira a transferencia á Administración galega, que, indica a Delegación, "deberá desenvolver estes traballos nos próximos meses”.

En concreto, actuarase sobre a fosa común do cemiterio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade onde se estima a existencia de 11 vítimas, e na fosa situada no lugar de Amenal, no Pino, onde se sinalan tres vítimas.

Para iso, a axuda contempla a creación dun grupo multidisciplinar coa participación de historiadores, forenses, arqueólogos e outros especialistas para executar estas tarefas e dignificar vítimas e lugares.

Este financiamento foi acordado o pasado mes de marzo na primeira conferencia sectorial de Memoria Democrática, presidida pola vicepresidenta primeira do Goberno español, Carmen Calvo, lembra a Delegación.

Nesta primeira conferencia sectorial presentáronse as liñas de traballo, en colaboración entre as distintas institucións, e as axudas directas que hoxe se formalizan no BOE, de acordo coas partidas consignadas nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano.

Plan

A repartición destes 106.395,08 euros enmárcase dentro do 'Plan Cuatrienal', que, sinala a Delegación do Goberno español, "pretende dar resposta ás recomendacións dirixidas a España polos principais organismos internacionais de Dereitos Humanos, co fin de impulsar de forma decidida as políticas de Memoria Democrática, especialmente no relativo á procura, e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a posterior Ditadura".

O 'Plan Cuatrienal' compleméntase co 'Plan de Choque' que o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática puxo en marcha durante o pasado ano para paliar a falta de recursos económicos para as políticas de memoria, debido á ausencia de subvencións gobernamentais desde 2013.

No marco do 'Plan de Choque', o Goberno español aprobou subvencións directas para entidades sen ánimo de lucro e para actuacións municipais a través da Federación Española de Municipios e Provincias. Na Galiza, lembra a Delegación, concedéronse 8.000 euros para apoiar dous proxectos: un ciclo de conferencias sobre o artista Eugenio Granell e o exilio e un estudo sobre o campo de concentración de Camposancos na Guarda (Baixo Miño).

Comentarios