'Nós Diario' pon esta sexta feira o ramo ao coleccionábel 'A nación dos mil viños'

Capas de diferentes fascículos do coleccionábel (Nós Diario).
De terzas a sextas feiras achegou o mundo vitivinícola galego.

Co exemplar desta sexta feira remata o coleccionábel A nación dos mil viños que achegou ás lectoras e aos lectores de Nós Diario a experiencia profesional dos sumilleres Martiño Santos e Xosé Gontá. Nun total de 16 entregas, das terzas até as sextas feiras de xaneiro, respondéronse dunha maneira amena e didáctica moitas das dúbidas máis comúns ao redor dos viños do país.

A proposta do xornal foi pór a disposición de todo o público a posibilidade de apreciar o sabor e xulgar as calidades dos diferentes viños que se fan na Galiza. 

Este curso en 16 entregas descubriu nestes días de que viñas saen bos os viños e a relación entre como se fan e a que saben. Realizouse unha viaxe introdutoria polas diferentes Denominacións de Orixe (DO) galegas para coñecer as súas características e os matices de cada zona, facilitando datos de utilidade para descubrir, por exemplo, algunhas marcas de interese. 

O coleccionábel achegou as recomendacións máis prácticas vinculadas ao mundo da gastronomía, pensadas para a cata profesional, para o servizo en restaurantes ou para o envellecemento de botellas nas adegas.

O acceso a criterios básicos serviu para que as persoas que seguiron A nación dos mil viños, puidesen aprender a harmonizar pratos e viños, temperaturas de servizo, cando hai que decantar unha botella ou que copas usar. 

O mundo da cata visto dunha maneira popular

Entre as singularidades deste coleccionábel estivo a aproximación sen tecnicismos ao mundo da cata. Toda unha experiencia que puideron partillar no apartado de probar un viño tendo en conta os sentidos. A análise sensorial que percorre sentidos como o olfacto ou a vista pasando polo propio gusto foi outro dos aspectos en que se afondou, para coñecer en profundidade o viño que se ten diante.

Este coleccionábel, da autoría de Martiño Santos e Xosé Gontá, evidenciou a pegada profesional do seu proxecto Vide, Vide! na cidade de Compostela. Os autores son dous expertos sumilleres que en 2013 deron vida ao espazo enocultural que procura achegar o coñecemento vitivinícola a toda a sociedade desde a capital galega. 

Da súa experiencia destes anos en numerosas actividades presenciais realizadas no seu espazo público ou online partiu a base dun coleccionábel único no seu xénero e pioneiro en tratar a información do viño adscrita xeograficamente á Galiza. O próximo coleccionábel, que verá a luz a próxima terza, afondará nos misterios dos naufraxios decorridos en augas galegas.