Nos quiosques e puntos de venda

'Nós Diario' agasalla o facsímile do primeiro número da histórica revista 'Nós'

Detalle da reprodución co exemplar de hoxe.

Para celebrar os 100 anos de ‘Nós, Boletín mensual da cultura galega’, ‘Nós Diario’ agasalla as lectoras e lectores cunha reprodución daquel primeiro número da publicación impulsada pola xeración do 16. Unha revista que fixo historia.

Nós Diario chegou o 30 de outubro aos quiosques e puntos de venda habituais acompañado dun facsímile do primeiro número da revista Nós, da que tomou o nome. Celebra así o centenario da saída da publicación, pensada pola xeración das Irmandades da Fala e que o 30 de outubro de 1920 vía a luz en Ourense.

Trátase dunha fiel reprodución de 28 páxinas, cun debuxo a cor de Castelao, “A Roda de San Xoán”, que aquel día se entregaba fóra do texto. Precisamente, o nome da revista, impulsada polo autor do Sempre en Galiza, Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez, foi ideado por Castelao e bebe da páxina que en 1918 viña publicando o xornal coruñés El Noroeste, con cabeceira debuxada por el mesmo.

Este primeiro número co que Nós Diario agasalla as lectoras e lectores foi dirixido por Vicente Risco e imprimiuse en Ourense, en La Región, xornal fundado só dez anos antes, en febreiro de 1910, e onde tamén se publicarían os catorce números seguintes.

En 1923 a revista Nós pasou a se imprimir nos talleres de Poza, en Pontevedra, até que a ditadura de Primo de Rivera provocou a paralización da publicación. Reaparecería o 25 de xuño de 1925, por iniciativa de Ánxel Casal, na Coruña, coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos.

A partir do número 88 saíu do prelo en Compostela, na Imprenta Nós. O derradeiro número, o 144, viu a luz poucos días antes do golpe de estado do 36. A Asociación de Escritores da Galiza dedicáballo a Ánxel Casal, mais tal dedicatoria, tal e como explica Xoán Costa, presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., tivo pouco percurso xa que a imprenta de Casal foi queimada uns días despois polos sublevados, interrompéndose así a publicación da revista.

Co asasinato de Casal en agosto de 1936 desaparecían o principal impresor e un dos proxectos máis significativos do galeguismo, cuxo obxectivo pasaba pola modernización e europeización da cultura galega.

Costa, profesor e estudoso da revista Nós e da xeración das Irmandades da Fala, pon de manifesto que nas páxinas da publicación “podemos encontrar tanto populares á par de informacións sobre literaturas europeas, textos de autores portugueses ao lado dunha tradución fragmentaria da novela Ulises de James Joyce, a primeira, cabe salientar, en realizarse no Estado español”.

Foi no número 32 de 15 de agosto de 1926, explica, onde aparecen os fragmentos da “soadísima novela de James Joyce postos en galego do texto inglés”, segundo reza o subtítulo de Ramón Otero Pedraio. “Foi así como as lectoras e os lectores galegos de 1926 puideron descubrir na súa propia lingua unha parte do escandaloso texto publicado en inglés por vez primeira en febreiro de 1922”, acrecenta, “a tradución da novela ao español non chegaría até 1945, 19 anos despois, aínda que agora se traduce a novela completa”.

Nós supón a superación das limitacións tradicionais para incorporar o país á cultura de Europa mostrando un modo diferente de ollar para nós mesmas”, conclúe Xoán Costa, que asina un texto que acompaña o agasallo que acompaña o Nós Diario de hoxe. Xornal co que as galegas e galegos do século XXI ollamos o futuro, aprendendo e valorizando o pasado.

Como conseguir o facsímile?

Tal e como vimos anunciando desde hai semanas, a reprodución do primeiro número da revista Nós pode conseguirse hoxe, de balde, comprando Nós Diario en calquera quiosco ou punto de venda de prensa. As persoas subscritoras recibirano nas súas casas quer en papel, quen elixir esta modalidade, quer para a súa lectura na nube.

Nós Diario é unha realidade grazas ao impulso das máis de 3.000 persoas subscritoras que acreditaron no proxecto. Contribúe co xornalismo galego e independente facéndote asinante.