As normas da "nova normalidade"

Paseo marítimo da Coruña, co mar ao fondo, un 2 de maio, primeiro día no que se permitiron paseos (Imaxe: Arxina).
O BOE publica hoxe o real decreto que fixa as pautas que rexerán a partir de 21 de xuño, co fin do estado de alarma. Entre elas, máscaras de protección e 1,5 metros de distancia obrigatorios mentres non remate a crise sanitaria.

As máscaras de protección seguirán a ser de uso obrigatorio, así como manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros, mentres o Goberno español considere que se mantén a situación de crise sanitaria. Porén, a declaración do estado de alarma rematará o domingo 21 de xuño e con el todas as medidas restritivas a nivel estatal derivadas da súa aprobación o pasado 14 de marzo: incluídas as limitacións de mobilidade.

O BOE recolle que serán os Gobernos territoriais os que decidan a "superación" da Fase 3 do plan de desconfinamento, que dará entrada á "nova normalidade", regulada polo real decreto publicado esta cuarta feira. Así, a Xunta será a que propoña se Galiza entra o día 21 na "nova normalidade" e remata o período de desconfinamento.

Coa entrada en vigor desta norma, a Xunta deberá "supervisar" as residencias de maiores e outros centros sociais, que estarán na obriga de coordinarse cos servizos médicos e de contar cun plan de continxencia perante os posíbeis rebrotes.

Máscaras de protección

O decreto adiante posíbeis "rebrotes" da COVID-19, polo que mantense o "uso obrigatorio de máscaras na vía pública, en espazos ao aire libre e en espazos fechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, así como nos transportes", sempre que resulte imposíbel gardar unha distancia de seguridade de "polo menos 1,5 metros". A sanción por non levala pode traducirse nunha multa de até 100 euros.

Non están obrigados a levar máscaras de protección as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviábel a súa utilización.

A máscara tampouco será exixíbel no caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, nin nos supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatíbel, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

Espazos de traballo

As persoas que presenten síntomas compatíbeis coa COVID-19 ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19, ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa co coronavitus, non deberán acudir ao seu centro de traballo.

As empresas deberán garantir a plena disposición das traballadoras e traballadores equipos de protección e os recursos necesarios para manter a hixiene de mans, así como a ventilación e desinfección dos postos de traballo. Recoméndase estabelecer quendas para evitar a "coincidencia masiva de persoas".

Comercios e turismo

Nos estabelecementos comerciais deberá asegurarse a adopción das medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que clientes e traballadores manteñan unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros. Cando non sexa posíbel, observaranse as medidas de hixiene axeitadas para previr os riscos de contaxio.

Nos aloxamentos turísticos, residencias universitarias e similares, e outros aloxamentos de curta estancia como cámpings, aparcamentos de caravanas e outros estabelecementos similares, haberá que organizar as zonas comúns para evitar aglomeracións e garantir que clientes e traballadores manteñan unha distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros.

Estas mesmas recomendacións se estenden ás cafeterías e restaurantes, tanto no seu interior como nas terrazas ao aire libre.

Detección precoz da COVID-19

O real decreto xa indica que a COVID-19 é unha enfermidade de declaración obrigatoria urxente e que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) terá que garantir, "en todos os niveis da asistencia, e de forma especial na atención primaria de saúde", que "a todo caso sospeitoso de COVID-19 se lle realzará unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica de diagnóstico molecular".

Desta maneira, o Executivo español insta aos Gobernos territoriais a "garantir a suficiente dispoñibilidade de profesionais sanitarios con capacidade de reorganización dos mesmos de acordo coas prioridades en cada momento".

En particular, salienta que terán que garantir "un número suficiente de profesionais involucrados na prevención e control da enfermidade, o seu diagnóstico temperán, a atención aos casos e a vixilancia epidemiolóxica".