Discotecas e locais nocturnos poderán reabrir coa fase 3

Coa fase 3, os locais nocturnos poderán abrir desde o día 8 de xuño a un terzo da súa capacidade (Europa Press)
O BOE publica este sábado unha orde ministerial con novas medidas de flexibilización das restricións derivadas do estado de alarma ante a "evolución epidemiolóxica positiva" que, no caso da Galiza, permite o paso á fase 3 do proceso de recuperación desde o vindeiro día 8. 

Coa fase 3, Galiza poderá volver aos bares de ocio nocturno e discotecas, sempre que non se supere un terzo da súa capacidade.

Segundo esta orde, se o local un espazo destinado a pista de baile ou similar, este poderá ser utilizado para instalar mesas, mais non para bailar. En caso de terraza exterior, estas poderán funcionar coas mesmas indicacións que rexen o resto de negocios de hostalaría, isto é, con 75% da súa ocupación máxima. 

A orde que o Goberno estatal publica este sábado fixa tamén en 50% da capacidade as persoas que poderán estar en locais de xogo e casas de apostas, e retira as limitacións de ocupación dos vehículo para o transportes en autobús e ferroviarios, tanto urbano como interurbano. 

Ademais, para o transporte, a orde pasa a permitir viaxar dúas persoas en motocicleta de dúas prazas, para o que será obrigatorio o uso de guantes. Os vehículos privados de até nove prazas poderán circular ao completo, sempre que a pasaxe resida no mesmo domicilio; en caso de non ser así, os coches poderán circular con até dúas persoas por fila de asentos.

 En canto ao transporte público regular, discrecional e privado complementario de viaxes en autobús, así como nos transportes ferroviarios, desde a vindeira segunda feira poderanse usar a totalidade dos asentos mais é obrigatorio que a pasaxe viaxe sentada.

Nos transportes públicos colectivos  de ámbito urbano e periurbano, nos que existan plataformas habilitadas para o transporte de pé, poderán ocuparse a totalidade das prazas sentadas, e manterase unha referencia de ocupación de dous persoas por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.

Por último, a orde do Ministerio de Sanidade, a aplicar desde o vindeiro día 8, amplía, para os territorios en fase 3, a capacidade dos recintos e instalacións taurinas até a metade da súa capacidade máxima, sempre que non se sobrepasen as 800 persoas