Libre mobilidade por toda Galiza coa Fase 3

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, saudou este domingo a publicación do BOE pola que, coa entrada na fase 3 do desconfinamento, as galegas e galegos poderán moverse libremente por todo o territorio nacional, sen restricións provinciais.

"Por fin podemos anunciar que, desde esta noite ás 00.00 horas, os galegos e as galegas recuperaremos a liberdade de mobilidade entre os 313 municipios, entre as 7 grandes cidades e entre todas as provincias", sinalou Feixoo durante a comparecencia posterior á conferencia de presidentes, a décimo terceira que mantén Pedro Sánchez con dirixentes territoriais desde o inicio do estado de alarma. 

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que ao longo da xornada espera manter unha conversa co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, para "avaliar" as posibilidades de circulación, debido a que ambas comunidades pasan á fase 3 esta segunda feira.

Nesa liña, demandou a Sánchez "aclaracións" sobre as competencias que se delegan nos Gobernos territoriais á hora de poder limitar a mobilidade, no caso de que se produza un rebrote da COVID-19 e de decidir se Galiza pasa de forma anticipada ou non á chamada 'nova normalidade'.

Na conferencia, Feixoo solicitou tamén ao Goberno central que cando menos un aeroporto galego figure entre aqueles que poden recibir voos internacionais e reclamou a reapertura doutros catro pasos fronteirizos entre Galiza e o norte de Portugal, "polo menos para mercadorías e traballadores".