Salvador Illa avoga por “tomar medidas” de se detectar na Galiza turistas e visitantes doutras comunidades

Rolda de prensa do Ministro de Sanidade, Salvador Illa

“Non é posíbel que un cidadán de calquera comunidade se desprace á costa galega. Se é así, haberá que analizar e adoptar medidas adecuadas", dixo.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, subliñou que "non é posíbel" que os cidadáns doutras comunidades viaxen á costa galega neste momento do desconfinamento, polo que defendeu "tomar medidas" se se detecta isto.

O titular de Sanidade falou así na rolda de prensa tras a reunión do Consello de Ministras cando lle preguntaron sobre o aumento do desprazamento doutros territorios do Estado cara ás zonas do litoral galego.

Neste sentido, Salvador Illa lembrou que "non hai ningunha disposición que permita o aumento" da mobilidade entre as comunidades, que segue sen ser autorizada máis aló de "motivos profesionais, sanitarios ou importantes".

"Non é posíbel que un cidadán de calquera comunidade se desprace á costa galega. Se é así, haberá que analizar e adoptar medidas adecuadas", dixo.

Nas últimas semanas, diversas voces denunciaron unha afluencia "masiva" de visitantes e turistas a localidades costeiras. A un tempo, veciñanza e alcaldes de distinto signo político demandaron medidas para evitar posíbeis contaxios pola chegada de persoas procedentes doutros puntos do Estado e reclamaron alternativas ás diversas Administracións sen que estas actuasen.

Neste contexto, o delegado do Goberno estatal, Javier Losada, vén de pór de manifesto que “non se detectou que viñese xente de fóra á Galiza, nin hai nada que leve a pensar que se estea rexistrando unha mobilidade irregular entre provincias”. O socialista restou credibilidade ás queixas, nalgúns casos formuladas por rexedores do seu propio partido, como o máximo mandatario do Grove, José Cacabelos. Ademais, o responsábel gobernamental obviou certas incidencias rexistradas polas forzas de seguridade do Estado que remataron con expedientes de sanción.

A chegada de turistas, no Congreso

A problemática colouse no Congreso, durante a sesión plenaria do debate sobre a prórroga do estado de alarma. Respondendo a unha intervención do deputado do BNG, Néstor Rego, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, afirmou: “Vereino, falarei co ministro de Interior para ver se está ocorrendo ou non. Vou informarme exactamente deses fluxos de mobilidade”.