As máscaras seguirán sendo obrigatorias após o estado de alarma

O Goberno central pautará o uso obrigatorio de máscaras para evitar rebrotes.
O Goberno central aprobará mañá, día 9, un real decreto coas normas que se deberán seguir unha vez decaia o estado de alarma para evitar rebrotes polo coronavirus, e que obrigarán a usar máscaras sempre que non se poida garantir o mantemento de distancia de seguridade. O uso de máscaras, que se aplicará tamén en transporte público, non será obrigatorio para persoas con problemas respiratorios e crianzas menores de seis anos.

"Unha vez superada a fase aguda requírense outras medidas, que se están traballando xa no seo do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde e que rexerán mentres se manteñan a emerxencia sanitaria", avanzou Pedro Sanchez onte, na conferencia con dirixentes territoriais, onde confirmou o uso obrigatorio das máscaras nos meses vindeiros.

O documento que o Executivo prevé aprobar esta terza feira recollerá tamén medidas organizativas de prevención e hixiene para estabelecementos de traballo, centros docentes, centros sanitarios, comercios, medios de transporte público ou instalacións deportivas, entre outros, "para evitar a coincidencia masivas de persoas".

A nova orde incluirá tamén medidas sobre medicamentos e produtos sanitarios, que, segundo asegurou Sánchez, garantirán o abastecemento de medicamentos esenciais. Ademais, está previsto que a Axencia Española de Medicamentos poida outorgar "licenzas excepcionais" para a fabricación de máscaras e outros equipos de protección.

O documento fixará tamén a obriga das Autoridades de saúde pública competentes de facilitar todos os datos necesarios" para o seguimento dos casos da COVID-19 para "coñecer de maneira inmediata os casos e os rebrotes", sinalou Sánchez.

"A todo caso sospeitoso realizaráselle unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica tan pronto como sexa posíbel", subliñou o presidente do Executivo, quen advertiu que os Gobernos territoriais "deberán garantir a capacidade de responder" perante posíbeis rebrotes a través da elaboración de plans de continxencias e deberán garantir "un mínimo" de asistencia en Atención Primaria e hospitalaria.