O 'non á guerra' faise ouvir en Santiago

Mobilización de Non á Guerra en Compostela o 3 de marzo. (Foto: Arxina)
Varias ducias de persoas participaron nunha concentración na compostelá praza do Toural baixo o lema 'Pola paz e contra a guerra'. Tamén terá lugar unha concentración o domingo, ás 12 horas, no Obelisco coruñés.

Varias ducias de persoas concentráronse en Santiago para participar dunha protesta convocada pola plataforma Non á Guerra co lema 'Pola paz e contra a guerra'.

Na protesta denunciouse a incalculábel devastación humana, material, social e ecolóxica que provocan as guerras, ao tempo que se sinalou que o conflito en Ucraína prexudicará as clases traballadoras e se manifestou solidariedade co pobo ucraíno.

A mobilización, que deu continuidade ás que tiveron lugar en Vigo e na Coruña a pasada fin de semana, reclamou a paralización da invasión de Ucraína, o cesamento dos ataques e a retirada das tropas rusas. 

Alén diso, tamén se rexeitou a escalada militarista da que sinalaron como corresponsábel á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), pola súa política expansionista que viola os acordos de non agresión ao achegarse cada vez máis á fronteira rusa, e polo seu intervencionismo ao apoiar a grupos de extrema dereita que desestabilizan a rexión. Unha pugna xeoestratéxica e belicosa que suma maior tensión ás ameazas sociais e ambientais que atravesa a humanidade, proclamaron.

As organizacións que compoñen a Plataforma Non á guerra denunciaron tamén a responsabilidade da UE no conflito de Ucraína, pola súa política comercial para blindar o acceso das corporacións aos recursos minerais, enerxéticos e agropecuarios e pola súa subordinación belicosa aos Estados Unidos de América.

Esixiron, así mesmo, o cesamento de calquera implicación militar do Estado español en axuda militar directa ou indirecta a Ucraína, e demandaron ao Goberno a retirada das forzas armadas desprazadas á zona e a renuncia a participar nunha escalada militar.

Pola contra, solicitaron esforzos diplomáticos en favor dunha solución negociada, baseada na liberdade e o dereito a decidir dos pobos, o pacifismo activo como guía da política exterior, a desescalada e o desarmamento global.

O domingo, concentración no Obelisco coruñés

A Rede Acampa, xunto con outras organizacións, acordou convocar un acto contra a ocupación militar de Ucraína por parte de Rusia. Baixo o lema 'Paz en Ucraína. Saída negociada Xa!', terá lugar unha concentración o domingo, ás 12 horas, no Obelisco coruñés.