As mulleres galegas manteñen 34 días ao ano de traballo 'gratuíto'

Unha muller despacha pan nun forno de leña en Compostela. (Foto: Arxina).
As mulleres galegas xa traballan 'de balde'. Comezaron esta mesma semana, un día antes que as do resto do Estado. Desde o pasado 28 de novembro até final de ano traballarán 'gratis' un total de 34 días. A clave está na fenda salarial, xa que as mulleres galegas cobran, por hora, un 9,3% menos que os homes.

Na recta final do ano a fenda salarial entre homes e mulleres faise máis visíbel. Unha data marca o tempo que as mulleres traballadoras acudirán aos seus postos para seguir coa súa actividade habitual mais 'sen cobrar nada a cambio'. É o día en que se estima que os homes cobraron xa o mesmo que percibirán as mulleres ao longo de todo o ano. 

No caso da Galiza foi o 28 de novembro. Desde ese día considérase que os homes xa teñen no peto o salario anual taxado para as mulleres, polo que pode interpretarse que a partir de aí e até o 31 de decembro as galegas traballarán 'de balde'. Un total de 34 días ao ano.

Un estudo elaborado por UXT explica estes cálculos. Segundo di, as mulleres traballadoras da Galiza cobran, por hora, un 9,3% menos que os homes, unha diferenza "moi significativa" que se agrava cando se fai unha comparativa entre o salario bruto percibido por homes e mulleres, que ten en conta variábeis como xornada, modalidade de contrato ou complementos salariais.

"Aquí as mulleres galegas aínda saen peor paradas. Hai que ter en conta que na Galiza un total de 114.800 mulleres traballan a tempo parcial, fronte a 44.400 homes, e os complementos que reciben as mulleres na maior parte dos casos, ou son inexistentes ou son moi inferiores aos dos homes", sinalan fontes do sindicato.

Segundo datos do IGE, publicados onte, en 2022 os homes con emprego a xornada completa gañaron, de media, 2.223 euros brutos mensuais, 341 euros máis que as mulleres, cuxo salario foi de 1.882 euros. Ademais, o salario medio de persoal a tempo completo situouse en 2.254 euros brutos ao mes, 1.418 euros por encima do salario medio das persoas a tempo parcial (835,6 euros).

Diferenzas retributivas

Os cálculos de UXT para a Galiza baséanse na enquisa de estrutura salarial do INE de 2021 e actualizáronse con datos do Eurostat 2023 para o resto do Estado e da UE, onde se escolleu o 15 de novembro como data simbólica para remarcar e concienciar sobre o feito de que as mulleres traballadoras gañan menos que os seus compañeiros homes.

No conxunto do Estado español, as mulleres cobran, por hora, un 8,9% menos e traballan 'de balde' case 32,5 días. Por cada euro que gañan os homes, as mulleres perciben 91,1 céntimos. Por territorios, a Galiza sitúase no medio da táboa, cuxos extremos ocupan Catalunya, cunha diferenza salarial de 13,3%, e Estremadura, cunha fenda negativa favorábel ás mulleres de -1,8%. 

Polo que respecta á UE, as mulleres dos 27 cobran un 12,7% menos por hora, o que equivale a mes e medio (46,35 días) de salario. E aquí tamén existen grandes diferenzas, entre a fenda de Estonia, de 22,5% e a de Luxemburgo, de -0,2%.

Máis obrigas e transparencia

Na última década, a fenda salarial entre homes e mulleres reduciuse máis de sete puntos porcentuais, afirma UXT, unha baixada que atribúe "ás políticas españolas en materia de igualdade retributiva entre mulleres e homes do últimos cinco anos" nomeadamente a suba do salario mínimo.

No ámbito europeo salienta a aprobación, en maio, da directiva pola que se reforza a aplicación do principio de igualdade de retribución entre homes e mulleres por un mesmo traballo ou de igual valor a través de medidas de transparencia retributiva e de mecanismos para o seu cumprimento, que os Estados han aplicar no prazo de tres anos.