8-M

As mulleres galegas en idade laboral traballaron máis de 1.729 millóns de horas anuais sen remunerar en 2023

Os traballos de coidados de maiores e crianzas recaen sobre as mulleres. (Foto: Nós Diario).

Malia os avances que se teñen dado nos últimos 40 anos, 63,4% do tempo de traballo das mulleres continúa a non ter correspondencia en termos de salario, desenvolvendo de media ao ano cada muller galega en idade laboral actividades sen remunerar por unha duración de 1.758 horas, a maior parte das cales están relacionados cos coidados no fogar.

Unha das máis recentes investigacións sobre o traballo non remunerado, elaborada en 2023 pola profesora e o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Bastida e Miguel Vázquez Taín, para PIMEC -a patronal catalá das pequenas e medianas empresas-, destaca o alcance desta realidade. Así, tomando como referencia os datos achegados pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), o estudo conclúe que as mulleres dedican 289,1 minutos ao día a traballos non remunerados e 145,9 minutos a traballos remunerados, mentres que os homes destinan unha media de 236,3 minutos a tarefas remuneradas e 166,8 minutos ás non remuneradas, que inclúen labores do fogar, compras, xestións ou voluntariado. A suma do traballo remunerado e non remunerado indica que as mulleres traballan 455 minutos ao día e os homes 382.

Neste sentido, elas destinan 63,4% do seu tempo de traballo ao non remunerado e 36,5% ao remunerado, mentres que eles dedican 61,8% do seu tempo a traballos remunerados e só 38,1% aos non remunerados. A este respecto, María Bastida sinala a Nós Diario que “estas realidades poñen de manifesto a persistencia dunha significativa división sexual do traballo, así como de patróns socioeconómicos que subestiman a actividade económica das mulleres e minimizan as achegas que estas realizan ao desenvolvemento económico dos países”.

Unha relación inversa

Bastida resalta que “a parte proporcional de tempo que as mulleres dedican a actividades non remuneradas é superior á dedicada ás remuneradas, inverténdose esta relación no caso dos homes, que dedican máis tempo a actividades de mercado”. Nesta dirección, “os datos revelan que as mulleres seguen asumindo boa parte da responsabilidade das tarefas domésticas e dos coidados, o que implica unha substancial carga de traballo non remunerado”. Neste punto, incide en que “esta maior carga ten importantes derivadas no tipo de traballo que as mulleres poden escoller, así como as condicións nas que se desenvolve este traballo” e alerta da discriminación dos “mecanismos de valoración do produto interior bruto (PIB) que fulminan e invisibilizan o papel das mulleres para non contabilizar o traballo non remunerado”.

A realidade dos coidados

As horas traballadas non remuneradas pola poboación galega entre os 16 e os 67 anos ascenden a máis de 2.671 millóns de horas. Así, os 929.175 homes integrados nesta faixa de idade dedican a tarefas sen remuneración arredor de 942 millóns de horas ao ano, mentres que as 938.922 mulleres destinan a estes mesmos labores 1.729 millóns horas ao ano. Así, cada muller galega desenvolve de media ao ano actividades sen remunerar por unha duración de 1.758 horas, estando relacionada a maior parte delas co sector dos coidados.A este respecto, o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), ligado ao Goberno do País Valencià, cifra en perto de 16.390 millóns de euros o valor do traballo sen remunerar realizado polas mulleres galegas en 2017.

 

Traballo e mercado

A profesora da USC María do Carme García-Negro, pioneira dos estudos económicos desde unha perspectiva de xénero na Galiza, explica a Nós Diario que “todo o traballo que non pasa polo mercado non se computa, algo que complica as análises, porque na nosa realidade contamos con moitas mulleres que desenvolven un importante labor nos coidados e cuxo traballo non se recoñece, a non ser esta unha actividade de mercado”. Neste sentido, considera que isto repítese “con outros traballos esporádicos que se poden dar no sector do servizos, moi particularmente na hostalaría ou no comercio, con mulleres que participan da propiedade dos negocios ou están ligadas aos seu propietarios”. A este respecto, a profesora apunta que “fican aínda moitas tarefas por remunerar onde desenvolven o seu traballo as mulleres”, mais destaca o que “se ten avanzado neste ámbito nos últimos 40 anos”.

As cifras e a realidade

García-Negro lembra o proceso de identificación como traballadoras de moitas mulleres que non percibían salario. Neste punto, recorda como “á volta de 1975, os censos de poboación colocaban como amas de casa as labregas, porén os censos agrarios xa avanzaban a súa consideración como traballadoras. Precisamente, nese ano publiquei un artigo no que certificaba a existencia de máis 300.000 labregas que as estatísticas oficiais situaban como amas de casa”. Nesta dirección, sinala como nos seguintes anos "fomos relevando casuísticas semellantes para outros sectores como os servizos ou o sector pesqueiro, onde, por exemplo, a profesión das mariscadoras non é recoñecida legalmente até a segunda metade dos anos 90, despois dunha iniciativa do BNG no Congreso dos Deputados”.

A economista da USC advirte das dificultades para calcular o valor do traballo non remunerado das mulleres no PIB. Nesta orientación, apunta que “as estimacións desta magnitude no PIB fanse en función do uso do tempo e isto é moi diferente nunha sociedade como a galega”. Así, explica que “o uso do tempo é distinto para unha muller que vive no rural, onde para facer a comida debe desprazarse a un comercio empregando o coche, que para unha muller dunha cidade onde ten máis próximas as tendas de alimentación”. Na mesma liña, sinala que “outro tanto acontece para recibir a prestación de determinados servizos, como os sanitarios, ou para os educativos, onde tamén se ve obrigada a maioría das veces a desprazarse en coche”.

O 37% do PIB galego

O primeiro e último cálculo oficial sobre o impacto do traballo non remunerado no PIB galego publicouse en 2006, estando referido ao conxunto das mulleres e non só a aquelas en idade activa. O estudo, impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta da Galiza e elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), dirixido naquela altura polo economista José Colino, sinalaba que o valor traballo non asalariado desenvolvido polas mulleres achegábase a unha contía de 15.150 millóns de euros, o que representaría 37% do PIB galego desa anualidade.

As conclusións dese informe, Conta satélite de produción doméstica, son consideradas esencialmente vixentes a día de hoxe, manifestando a este respecto a socióloga da Universidade Carlos III de Madrid e autora en 2022 da investigación El valor del trabajo de los cuidados no remunerados, Paz Olaciregui, que o traballo non remunerado na Galiza se sitúa en arredor do 37%.

A doutora en Filosofía Carme Adán era a secretaria xeral de Igualdade da Xunta da Galiza no momento da elaboración da Conta satélite de produción doméstica. "Este estudo fíxose no marco da redacción do plan de corresponsabilidade, o primeiro con ese nome presentado no Estado, que nos obrigaba a medir e coñecer coa máxima precisión canto significaba o traballo non remunerado, tendo en conta que unha parte das atencións que se prestan no ámbito dos coidados non se pode medir en termos económicos”, explica en declaracións a este medio. Adán destaca que “os coidados son moi importantes e non todos podes convertelos en servizos que se poidan pagar”.

Un sistema diferente

"Estamos nun sistema que non entende que existan traballos que non sexan remunerados", reflexiona Adán, que considera que “pór o foco no traballo non remunerado obríganos a pensar solucións noutros modelos económicos que non sexan os capitalistas ou os neoliberais, porque hai traballos moi importantes nos ámbitos da casas que non se poden medir con valores de mercado”.

Lembra que “o feminismo socialista, xa con Flora Tristán, unha autora das primeiras décadas do século XIX que influíu en Marx e Engels, afirmaba que o traballo que fan gratis as obreiras é o que lle permite aos obreiros traballar, ese traballo non remunerado é para ela o sostén da vida”. Precisamente, esa orientación, desenvolvida por Friedrich Engels no volume A orixe da familia, da propiedade privada e do Estado, vai ser decisiva na tradición feminista que instituíra en 1910 o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora.