Sete mulleres debullan retos feministas para a década que vén

Nas últimas décadas o feminismo callou nas institucións, nas rúas, nos colexios ou nas pantallas. Anos de sementar van dando os seus froitos, mais queda camiño para chegar a unha sociedade que non discrimine por sexo, idade, cartos ou pola documentación no peto, entre outros. Na véspera do Día Internacional da Muller Traballadora, o 8 de marzo, preguntamos a sete mulleres como mudou o feminismo o seu día a día, polos machismos cotiáns que perciben na súa contorna ou sobre algúns dos retos que fican nos anos por chegar. 

Rosa Rojo: "Decateime de que as mulleres sosteñen o comercio local"

Rosa Rojo, 'Rosiña', vive en Ribadavia. Conta que, sendo pequena, observaba como nas tarefas do campo "mulleres e homes encargábanse dos l

abores man a man". Porén, apunta, "era común escoitar gabar a unha muller afirmando que 'traballa coma un home"."Ademais, ao chegar a casa elas asumen as tarefas do fogar", reflexiona, salientando que percibe as persoas da súa idade "máis concienciadas cara ao feminismo". "Aínda que na xuventude, nas adolescentes, si atopo a quen segue na 'vella escola'", matiza.

Hai uns anos, Rojo abriu unha tenda de comercio local, "Brétemas" na vila. "Decateime de que as mulleres sosteñen o comercio local", conta. Paralelamente desempeñaba traballos como fotógrafa e deseñadora, e a falta de horas fixo que virase cara a venda na rede.

"É moi complicado compatibilizar a vida laboral como autónoma cos coidados da miña crianza de nove meses. Penso que, dentro do que cabe, fun afortunada porque as persoas para as que realizaba entenderon a miña baixa e as avoas da pequena axudan nos coidados", explica. Hoxe, 'Rosiña' é coñecida polas súas prendas con lemas feministas. "A de 'Estou ata a cona' foi a primeira, é un berro silencioso, penso que precisabamos esas frases na nosa lingua", conclúe.

Xiana Melón: "Xa na roupa das crianzas hai un nesgo moi grande de xénero"

Xiana Melón traballa nunha tenda da multinacional Inditex. "A miña profesión está moi feminizada, 90% das empregadas somos mulleres", di. A entrada

de homes na empresa, engade, en troques de implicar unha igualdade no reparto de tarefas traduciuse nun aumento das dificultades para acceder a postos de responsabilidade. "No traballo temos moito, moito por sachar", resume ela.

Melón debulla que o machismo no seu día a día non se limita ás relacións laborais. "Xa na roupa das crianzas hai un nesgo moi grande de xénero nas cores, nos lemas e tamén nas imaxes que empregan para as prendas 'para nenos' e 'para nenas'", di.

Os uniformes das empregadas foron mudando co paso dos anos, conta. "Hoxe podes empregar zapatillas de deporte, por exemplo, mais coñezo compañeiras doutras empresas que tiñan que pasar toda a súa xornada subidas a zapatos de tacón", afirma, incidindo en que as prendas que visten os seus compañeiros "son moito máis cómodas". "Tamén existiu moita presión no tema da nosa estética", engade. "Por último, penso que hai que facer ver as dificultades das traballadoras para conciliar", matina Melón para rematar, "e tamén estabilizar os logros que fomos acadando grazas ao feminismo". 

Vitoria Louro: "Se te desligas dos coidados, é porque unha muller os dá por ti"

As mobilizacións deste 8-M poñen os coidados no centro. Para Vitoria Louro, xerocultora, esta decisión foi fundamental. "As traballadoras dos coidados parabenizámonos", asegura.  Ela traballa nunha residencia "das donadas polo empresario Amancio Ortega" á rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Porén, como moitas outras, está xestionada por unha empresa privada. E xa sabemos o que isto significa: o público dá servizo e o privado, beneficio", explica Louro, afirmando que as empresas que acceden a estas residencias "fan ofertas baixando os prezos, pero tamén as condicións laborais das traballadoras".

O dos coidados é un sector no que a presenza de traballadores "é anecdótica", di esta xerocultora. "A súa mercantilización supuxo a nosa precariedade", asegura. Para Louro unha sociedade máis feminista pasa por "ter claro o dereito de todas as persoas a ser coidadadas, independentemente da súa situación económica ou da ideoloxía política que defendan".

"Cando se anunciou o lema do 8-M, 'Sen coidados non hai vida', houbo quen o criticou por machista. Pero é que cando alguén se desliga dos coidados é porque unha muller os dá no seu lugar, moitas veces mulleres migrantes", di Louro. Ela reclama que "a Administración asuma realmente as tarefas dos coidados".

Julia Martín: "Moitas denunciantes descoñecen a violencia institucional que poden sufrir"

"Como todas as mulleres, atopo no meu día a día distintos comportamentos e actitudes machistas e tamén, concretamente, como avogada", explica Julia

Martín, que forma parte da Cooperativa 14 de avogadas en Compostela. Martín comparte un dos exemplos que garda na memoria. "Nun xuízo, cando o avogado da parte contraria se achegou e sentou ao meu carón para explicarme como tiña que interpretar un documento que eu presentara. A xuíza da sala e mais eu quedamos alucinadas", conta. 

Nos encontros coa clientela, especialmente cando os clientes son homes, afirma que tamén percibe que ten que realizar "un dobre esforzo para captar a súa atención, pois case sempre atenden máis aos compañeiros". Con todo, pertencer a unha cooperativa permítelle "conciliar a miña vida profesional coa persoal". "Sei que non é así en todos os casos e coñezo exemplos nos que as traballadoras teñen que estar dispoñíbeis as 24 horas", expón.

No eido da xustiza, Martín carga contra o tratamento dos casos de violencia machista. "Cando deciden dar o paso e denuncian, moitas mulleres descoñecen a violencia institucional que van sufrir e moitas remátanse arrepentindo", narra, "teñen que repetir a súa experiencia unha e outra vez, sen a intimidade que precisan, cubrir papeis, formularios... e penso que urxe mudar isto". 

Dora Cabaleiro: "Na montaña, a conciliación é máis dura pola falta de servizos"

Dora Cabaleiro cultiva e sacha xunto a outra compañeira na cooperativa Ribeiregas, con base en Negueira de Muñiz. "No traballo non percibo mach

ismo, máis do que podemos levar en nós mesmas, pois o patriarcado atravésanos a todas", conta. As dúas son nais, e o coidado das crianzas é o eido no que máis percibe dificultades no seu día a día. "Na montaña, a conciliación é máis dura pola falta de servizos", denuncia.

Cabaleiro apunta que xa a hora de sentar as bases da cooperativa tiñan claro que querían "loitar porque a boa alimentación chegue a todas as familias, non só a unha elite". Mais a materialización deste obxectivo é ardua. "No mundo no que vivimos consúmense alimentos chegados de máis de 6.000 quilómetros de distancia a prezos moi baratos, producidos nun contexto de explotación laboral. E nós atopámonos co dilema de se autoexplotarnos a nós mesmas para poder competir", denuncia.

Esta labrega lembra que a situación de  explotación non é exclusiva doutras latitudes. "As traballadoras do amorodo en Huelva son outro exemplo", critica. Por iso, entre os retos que apunta para o feminismo destacan o coidado da terra, "evitar a explotación do rural", achegar servizos a quen vive fóra das urbes ou "restabelecer os lazos comunitarios". 

María Xosé García: "O sector automobilístico non é só de homes, senón de persoas"

María Xosé García comezou a traballar na industria da automoción en 1991. "Daquela era un sector completamente masculinizado. As mulleres encargábamonos das tarefas que eran consideradas máis delicadas, como manipular pezas pequenas e pulilas, ou das administrativas. Só había

unha traballadora pintora", lembra, apuntando que a factoría empregaba arredor de "500 persoas".

Co paso dos anos a situación foi mudando. "Demandamos que se contratasen máis mulleres para igualar os cadros", explica García, "para nós isto é moi importante pois sabemos perfectamente que podemos desempeñar as mesmas funcións que os nosos compañeiros, e isto tamén nolo ensinou o feminismo". Esta operaria reclama que o sector automobilístico "non é un eido de homes, é un eido de persoas, sen distincións".

"A nosa é unha loita que levamos batallando moitos anos. Na nosa empresa non é tan complexo, pois no comité de traballadoras hai dúas mulleres e tres homes e hoxe moitos compañeiros apoian as nosas demandas", expón García. Actualmente, a súa loita tamén pasa por rachar con teitos de cristal sen esquecer o chan do que partiu. "As mulleres sempre cubrimos as categorías máis baixas, queremos ter postos de responsabilidade", afirma a operaria. 

Ana Ojea: "A educación hoxe é unha fonte inesgotábel de sexismo"

"Na década dos 80 eu era pequena e, aínda así, lembro daquela que os estereotipos non estaban tan marcados", lembra a profesora Ana Ojea. "Na miña mente existiu daquela un oasis, cando eu contaba uns dez anos, e penso que desde entón, a nivel de igualdade, fumos para atrás", apunta.

Para Ojea a educación, na actualidade é "unha fonte inesgotábel de sexismo". Sen esquecer a súa imperfección, mais tratando de encamiñala cara a unha sociedade máis igualitaria, propón educar as cativas fóra de roles e estereotipos de xénero. "Penso que cando se procura que as crianzas respondan a estereotipos se agocha un medo á diferenza, que desemboca na homofobia ou a transfobia", destaca.

"Na adolescencia os prexuízos xa están incrustados. Non digo que sexa imposíbel combatelos, mais é moi difícil", di. Nos patios, "onde o fútbol, un xogo onde os rapaces son protagonistas, ocupa todos os espazos", na escolla dunha vía de estudos, "cando as rapazas optan maioritariamente pola artísica ou de ciencias sociais, mentres moitos rapaces escollen a tecnolóxica ou as ciencias da saúde, considerándoa a 'dos listos'", ou na construción das relacións adolescentes, "seguindo os patróns do amor romántico e os celos", Ojea percibe exemplos cotiáns do machismo nos centros que "cómpre que desaparezan".