Verín prepárase para ser a "capital do feminismo galego" na manifestación do 1 de marzo

Reclaman "visibilizar" o rol coidador que as mulleres exercen de forma "continua e non remunerada".

Verín será a "capital do feminismo galego" deste 2020 cunha manifestación que levará até as súas rúas a miles de mulleres o próximo 1 de marzo, un acto que precederá o Día Internacional da Muller Traballadora, o día 8.

'Galegas 8M' foi a encargada de convocar esta protesta a nivel da Galiza que sentará os obxectivos e reivindicacións do feminismo galego, centrado este ano no rol coidador que exercen as mulleres.

En total, 24 buses desprazaranse até a capital da comarca de Monterrei para que máis de 1.200 mulleres protagonicen a manifestación que comezará ás 12,00 horas na Avenida de Portugal,116 e finalizará na Praza Maior de Verín, onde se lerá o manifesto e haberá actuacións unha vez acabe o acto reivindicativo.

Así o explicaron diversas representantes de Galegas 8M esta quinta feira na Casa da Cultura de Verín, na que presentaron a xornada de protesta baixo a lema: 'Sen coidados non hai vida, mudando o sistema, derrubando o patriarcado'.

As 50 organizacións que se engloban en Galegas 8M teñen claro o seu obxectivo este 1 de marzo é "descentralizar" o movemento feminista e levalo a todos os puntos de Galiza.

A razón pola que a organización escolleu Verín para a manifestación que precede o 8M explicárona as representantes. Entenden que Verín é un "símbolo de loita de colectivos, organizacións e veciñanza", que se levantou contra "a violencia obstétrica e institucional" que a Xunta exerceu contra "as mulleres e os seus fillos" ao pechar o servizo de urxencias pediátricas e o paritorio do Hospital Comarcal o pasado decembro.

Lembran que "o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida" e con este 1M queren "visibilizar o que permanece invisíbel", xa que "a maior parte" deste labor "non está remunerado e cando o está "trátase dun traballo precario e infravalorado".