Social

Asemblea Paxaretas: "As mulleres precisamos ter espazos propios"

Integrantes da Asemblea Paxaretas nunha manifestación. Carolina Certal, a primeira pola dereita.
A Asemblea Paxaretas (Redondela) converte todo o mes de marzo en 8-M

Os feminismos son un movemento de base. Por toda Galiza, incontábeis colectivos traballan desde o pequeno e o local en prol da igualdade e a diversidade, construíndo novas realidades. É o caso da Asemblea Paxaretas, en Redondela. Conversamos con Carolina Certal, unha das súas integrantes. 

Como vive Paxaretas o 8-M?

Desde que nacemos, dedicamos por completo o mes de marzo á muller, continuando o legado dun colectivo feminista que houbo en Redondela (Xanela). Antonte tivemos a primeira actividade, unha charla coa asociación Querendo, para visibilizar a endometriose, un problema bastante descoñecido que afecta a moitas mulleres. Contra o que se di que a regra doe, vemos que en ocasións non é normal. Logo, esta fin de semana temos unha acción de rúa, que houbo que mudar para hoxe polas previsións meteorolóxicas, na que imos reclamar a abolición da prostitución, que é o lema que levamos ao 8-M. Na performance moitas mulleres camiñaremos polo centro da vila visibilizando a escravitude que supón a explotación sexual. O propio domingo realizaremos unha concentración, unha lectura do manifesto e un micro aberto, para que todas as que queiran poidan ter voz, pois diso trata ese día. Ao rematar, temos o Encontro de Mulleres na Casa da Cultura, no que facemos unha comida que deixamos preparada o día anterior, secundando a folga de consumo, coidados e laboral. Por último, na tarde, imos á manifestación de Vigo. 

Como funciona unha asemblea feminista?

Somos diferentes mulleres que hai tres anos, ante a emerxencia feminista que estabamos vivindo, vendo que tiñamos inquietudes comúns, decidimos agruparnos para organizar distintas actividades ao longo do ano. É un colectivo aberto, aínda que non mixto, pois cremos que as mulleres debemos ter espazos propios, autoorganizarnos. Pode vir calquera muller, de calquera idade, somos moi diversas. Iso si, levamos un ritmo intenso, non o imos negar, pode ser difícil coordinar tantas profesións, axendas, coidados na casa... Reunímonos normalmente unha vez á semana para contemplar as necesidades, dependendo tamén do que marca a actualidade. Por exemplo, cando hai un feminicidio actuamos como o resto de colectivos galegos e organizamos concentracións, o que require tempo e sacrificio. 

Fóra destes intres de "crise", en que temas se centran?

Depende de moitos factores. O ano pasado trouxemos a Amelia Tiganus para unha xornada sobre abolición da prostitución. Tamén colaboramos moito cos colectivos culturais de Redondela. No festival Millo Verde, de música alternativa, levamos xa dous anos co protocolo da manada feminista. para que non haxa ningunha agresión. E o ano pasado, no Artelixo, realizamos unha máquina expendedora de bebés, con bonecos, para denunciar os ventres de aluguer.