Coidados, terra e consumo sostíbel no marzo feminista das traballadoras

Rolda de prensa de Galegas 8-M en Vigo o 28 de febreiro de 2020, sexta feira (Imaxe: Europa Press).
A Asemblea Galegas 8M, na manifestación do 1 de marzo e nas mobilizacións do Día da Muller Traballadora, carga contra o capitalismo e reivindica a valorización dos coidados, a defensa da terra, a produción ecoloxista ou as sementes autóctonas.

Feministas de Verín ultiman hoxe os detalles para unha manifestación que quere unir os colectivos e asociacións do feminismo galego este domingo, 1 de marzo,  na vila. Repartidas en grupos de traballo, solicitaron os permisos, encargaron os carteis e organizaron a loxística da xornada: transporte, coordinación dos tempos ou mesmo a música que porá punto e a parte ao percorrido e lectura do manifesto.

As chaves destas datas

Coidados, custodia do territorio e consumo son os tres eixos sobre os que pivotan neste 2020 a manifestación unitaria feminista do 1 de marzo e mais as mobilizacións que terán lugar en diversos puntos da Galiza no Día Internacional da Muller Traballadora, o 8 de marzo.

As manifestacións atenden a unha vontade de visibilización dos traballos, remunerados ou non, que se levan a cabo detrás das portas dos fogares. O lema desta data, "sen coidados non hai vida", ten moitas vertentes. Unha delas, como recorda esta feminista na conversa, a atención que fornecen as mulleres as persoas dependentes, as maiores, as crianzas ou ao fogar. No rural, a esta multiplicidade de tarefas únese moitas veces o coidado do gando ou da horta.

Galegas 8-M tamén pon o foco nas alternativas locais de consumo ou na defensa das sementes autóctonas. As súas críticas analizan e cargan contra o sistema capitalista. "Que concentra beneficios a custa da apropiación de recursos, o emprego precario e o traballo gratuíto das mulleres", afirma o colectivo. Así, apostan por recuperar "toda esa rede de produción, distribución e consumo ecolóxico, solidario e responsábel que durante séculos impulsaron as mulleres do rural galego".

Manifestarse en liberdade

Arredor de 24  autobuses chegarán mañá, ademais dos vehículos privados. "Para nós, xa o esforzo de chegar até aquí e participar da mobilización xa é un gran logro", valora  esta organizadora, quen apunta a que dentro dos feminismos "existen distintas correntes" e que o que queren é que prime "a liberdade" á hora de percorrer as rúas. 

"Escolleuse Verín porque o peche do paridoiro foi un exemplo de violencia obstétrica, mais tamén unha mostra de que a Xunta da Galiza afirma promover políticas para revitalizar o rural ao tempo que elimina servizos básicos para a poboación", apunta esta participante.