Social

A manifestación unitaria do 1-M converte Verín en epicentro do feminismo galego

Manifestantes en Verín (BNG)
A mobilización unitaria convocada por Galegas 8-M xuntou 5.000 persoas Nas rúas da vila en defensa dos coidados e contra a violencia "institucional".

A manifestación convocada por Galegas 8-M logra reunir en Verín o feminismo galego, con máis de 5.000 asistentes segundo fontes da propia organización, nunha xornada de protesta que precede ao propio Día da Muller Traballadora. Ascenderon a 26 os autobuses que se desprazaron até a comarca de Monterrei, para alén das persoas que empregaron os seus propios medios, para converter a vila na "capital do feminismo galego".

As 50 organizacións que aglutinan Galegas 8M demostran de novo a súa vontade de "descentralizar" o movemento feminista para levalo a todos os puntos da Galiza. Así, o ano pasado a manifestación unitaria tiña tamén lugar en Lugo.

A escolla de Verín, "símbolo de loita de colectivos, organizacións e veciñanza", especialmente despois de conseguir que o goberno de Feixoo recuase a súa decisión e restaurase o servizo do paridoiro do hospital, non se debe só á oposición á violencia obstétrica que a vila protagonizou nos últimos meses. A organización manifestou a súa intención tamén de reivindicar o rural e as mulleres que o manteñen, enlazando co tema escollido en 2019. Os coidados son, xunto á custodia do territorio e as alternativas de consumo, os eixos fundamentais da mobilización unitaria en 2020.

Foron moitos os colectivos que se sumaron á manifestación. Entre eles, podía verse un tractor en representación do Sindicato Labrego, engalanados coas proclamas “desbrozando o patriarcado” e “se as labregas non plantan, a cidade non xanta”.

Este lema encaixa á perfección coa reivindicación da plataforma, “sen coidados non hai vida”, que pretende estender isto ás relacións coa natureza apostando e visivilizando o labor da mulleres rurais, das alternativas de consumo e da xestión do territorio.

A praza maior de Verín, onde a manifestación puxo fin, vibrou coa consigna “Feijoo, escoita, Verín está en loita”, á agarda da lectura do manifesto.

Colectivizar os coidados

O texto denunciou, seguindo a liña da convocatoria, que o "patriarcado e o sistema capitalista" lle asignaron ás mulleres "as tarefas de coidado", xerando "un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos". Por iso, apelaron a unha "corresponsabilidade" na que quer homes a nivel individual quer os servizos públicos de maneira xeral compartan ese labor e dean a opción a que elas se incorporen á esfera pública.

Neste senso, demandaron á Administración que se involucre para colectivizar os coidados e atender, en especial, as necesidades das mulleres do rural. Igualmente, defenderon, seguindo a expresión popularizada por Susan Sontag, que tanto o territorio como o seu propio corpo son "campos de batalla" fundamentais para o movemento feminista.

A mobilización de Verín dá inicio a unha semana que estará ateigada de actos reivindicativos e divulgativos, que concluirán coas manifestacións do propio Día da Muller Traballadora, o 8 de marzo.