A mocidade galega non se pode emancipar: só un de cada seis é independente

Na imaxe, xente nova agardando polo autobús en Compostela (Foto: Arxina).
Un informe do Consello da Xuventude de España (CXE) amosa unha caída da emancipación xuvenil de sete puntos porcentuais desde 2009. A falta de estabilidade laboral e o encarecemento da vivenda agravaron esta situación no ano da pandemia.

O proceso de recuperación económica tras a etapa do confinamento foi "menos intensa" na Galiza que no resto do Estado. E as consecuencias negativas da recesión derivada da pandemia, como a precariedade laboral, a perda de poder adquisitivo ou o incremento do custo da vivenda afectaron especialmente á xente nova.

Estas son as principais conclusións que se poden extraer do último informe do Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude de España (CXE), cuxos datos fan referencia ao último trimestre de 2020. Así as cousas, ao remate do pasado ano apenas 17,1% das persoas de entre 16 e 34 anos era independente —unha de cada seis—, entendendo por independencia a capacidade económica para a emancipación residencial. Son nove décimas menos que a media estatal e 4,9 puntos por baixo de Catalunya, que lidera esta clasificación.

Aliás, o dato galego é o peor de toda a serie histórica —iniciada en 2006—, e dista moito do rexistro que atopou Alberto Núñez Feixoo cando accedeu ao Goberno galego en 2009, 20,5%. Mais a cifra faise máis cativa conforme diminúe a idade das persoas. Deste modo, tomando como referencia o treito de idade de 16 a 29 anos, apenas 15% das mozas e mozos galegos están emancipados; 4,5%, na franxa de 16 a 24. Pola súa banda, son independentes unha de cada tres persoas de entre 25 e 29 anos —32,6%—, e seis de cada dez entre os 30 e os 34 —61,8%—, que, se ben esta última porcentaxe 'maquilla' os datos xerais da mocidade, está 9,3 puntos por baixo da media estatal.

Debullando os datos por xénero, 19,2% das mulleres galegas de entre 16 e 29 anos están emancipadas, fronte a 11% dos homes. Ambos os indicadores son inferiores ao promedio do conxunto do Estado.

Escaso poder adquisitivo e alto risco de exclusión

Hai múltiples factores que explican os pobres datos de emancipación xuvenil na Galiza. O primeiro deles, e o máis evidente, é a falta de ingresos ou a insuficiencia dos mesmos. O estudo do CXE sinala que a capacidade adquisitiva da mocidade galega é das máis baixas do Estado, cun salario medio de 10.627 euros anuais, isto é, mil menos que a media estatal. E tres de cada dez persoas de entre 16 e 29 anos non percibe ningún tipo de ingreso.

Neste senso, cómpre salientar que unha de cada tres mozas e mozos de 16 a 34 anos —arredor de 28%— están en risco de pobreza ou de exclusión social na Galiza, isto é, que os seus ingresos anuais son inferiores a 60% da mediana. É o colectivo con peores rexistros. Os ingresos netos roldan os 19.000 euros para as persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos —3.000 menos que no conxunto do Estado—, mentres ascenden a 21.000 de 30 a 34 anos —3.500 euros menos—.

Baixos niveis de ocupación

No mercado laboral xuvenil produciuse no ano da pandemia unha notábel caída da taxa de actividade —porcentaxe de poboación activa sobre o total de poboación da mesma franxa de idade—, chegando ao remate de 2020 cun dato de 44% —8,2 puntos inferior ao promedio estatal—.

Así mesmo, apenas 32,5% das mozas e mozos de entre 16 e 29 anos tiña traballo no último trimestre do pasado exercicio, de acordo co mesmo estudo. No conxunto do Estado español, a taxa de emprego é de 36,4%. E a taxa de paro xuvenil fica en 25%, o que significa que unha de cada catro galegas e galegos de 16 a 29 anos non atopa traballo malia procuralo de forma activa. En 2009 había arredor 386.600 mozos e mozas traballando na Galiza; hoxe apenas superan os 200.000, o que supón a perda de case a metade dos empregos xuvenís na última década.

A taxa de emprego xuvenil é catro puntos inferior á media estatal

Por outra banda, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), 3,5% das persoas na franxa de 16 a 24 anos en busca de emprego son paradas de longa duración; 9%, no caso das mozas e mozos con idades comprendidas entre os 25 e os 34. Mais, volvendo ao informe do CXE, os datos evidencian a predisposición da mocidade galega a traballar: tres de cada catro paradas e parados —75%— tivo previamente, cando menos, un emprego.

Temporalidade, contratos parciais e sobrecualificación

Porén, asinar un contrato laboral non garante estabilidade para a mocidade galega, xa que a taxa de temporalidade ascende a 53,1% —un punto por riba da media estatal—, polo que máis da metade dos postos de traballo non son indefinidos. Dentro dos contratos temporais, apenas 13% teñen unha duración igual ou superior a un ano. E no conxunto da oferta laboral para a xente nova, 25% dos contratos son a tempo parcial.

Cómpre destacar, a respecto desta cuestión, que 15% das galegas e galegos menores de 29 anos están "subocupadas", isto é, que traballan menos horas das que estarían dispostas a asumir por imposición da empresa. Así as cousas, a metade das mozas e mozos do país están sobrecualificados, isto é, que os seus postos de traballo requiren dunha formación académica inferior á que posúen. Son 45% das mozas e mozos de 16 a 29 anos, fronte ao 42% rexistrado no conxunto do Estado.

A compra de vivenda e o alugueiro, inaccesíbeis

O encarecemento da vivenda é outro factor determinante na emancipación xuvenil. Segundo os datos que ofrece o CXE, o prezo medio de compra supón na Galiza até doce veces o salario anual neto dunha persoa menor de 29 anos. O prezo máximo que un mozo ou moza pode asumir por unha vivenda rolda os 90.000 euros, mais o prezo medio supera os 120.000 euros actualmente, polo que a meirande parte da xuventude vese obrigada a renunciar a esta vía para se independizar.

O custo do alugueiro supón máis de 60% do salario medio da mocidade

Con todo, o alugueiro tamén é inaccesíbel para moitas persoas. Na franxa de 16 a 29 anos, supón máis de 60% do salario neto desa persoa; arredor de 50%, para as de 30 a 34. Ao remate de 2020, 57% da mocidade galega que conseguira emanciparse residía nunha vivenda en réxime de alugueiro.

Caída constante da natalidade

A Galiza atravesa nos últimos anos unha fonda crise poboacional. En 2020 rexistrou un saldo vexetativo negativo, con 17.610 mortes máis que nacementos. Aliás, a taxa de natalidade —nacementos por cada 1.000 habitantes— de 5,64, que non só é case dous puntos inferior á media estatal, senón que deixa o país co peor rexistro do mundo. Corea do Sur e Mónaco, os seguintes pola cola, teñen unha taxa de 5,9.

Na caída progresiva da natalidade inflúe notabelmente a situación precaria que atravesan as mulleres galegas de menor idade e a falta de recursos para emanciparse. Así, se ben en 2010 27,9% das nais tiñan menos de 29 anos, e 67,2% menos de 34, o pasado ano supuxeron 21,9% e 53,2% respectivamente, segundo os rexistros do IGE.

A metade das nais galegas teñen máis de 35 anos no momento do nacemento

Mais, botando unha ollada á serie histórica, a mudanza é aínda maior: 55,5% das xestantes en 1996 eran menores de 29, mentres 86,2% non chegaba aos 35. Pola contra, o pasado ano a franxa de idade máis frecuente para ter fillos ou fillas foi a que comprende dos 35 aos 39 anos de idade. De feito, os mesmos datos do IGE evidencian que ter traballo é fundamental para que unha muller decida ser nai, xa que apenas unha de cada seis está desempregada.

Emigrar, a única saída?

A falta de oportunidades laborais para a mocidade e as dificultades que isto supón á hora de independizarse do fogar familiar empurraron a máis de 80.000 galegos e galegas de entre 16 e 29 anos a abandonar o país na última década, segundo o IGE. A xente nova supuxo 25% da emigración entre 2010 e 2020. No ano da pandemia abandonaron o país máis de 5.000 mozos e mozas, 1.394 delas cara a diferentes territorios do Estado e outras 3.853 ao resto do mundo.