Manuel Reigosa, reitor Uvigo

"Apostamos por manter as datas finais e estender os prazos en casos excepcionais"

Manuel Reigosa, reitor da UVigo (Duvi).
A Universidade de Vigo desbotou a posibilidade de avaliar o seu alumnado de forma presencial na recta final do presente curso. Aposta pola avaliación continua e conta poder respectar o calendario previsto. Nós Diario conversa co seu reitor, Manuel Reigosa, que quere que o alumnado asegure as competencias das materias que cursa.

A UVigo xa avanzou a súa proposta. Avoga pola avaliación continua sen exames presenciais. Cre que este acordo responde ás necesidades do alumnado?

Nós falamos con todas as representacións estudantís que nolo pediron. Escoitamos especialmente as solicitudes do Consello de Estudantes da UVigo, e seguimos atendendo as propostas de reunión que nos chegan. Con todo, tomáronse as decisións correspondentes para dispor dunha resolución o antes posíbel e, sobre todo, para que tanto o profesorado como o alumnado souberan o que teñen que facer para conseguir o éxito nas distintas materias.

"Buscaremos que o alumnado asegure as competencias e capacidades das materias que está cursando, así como unha avaliación xusta".

Ademais, esta semana tamén lle pedimos ao persoal docente que lle trasladase ás estudantes o peso das distintas probas de avaliación, dándolle preferencia á avaliación continua e sinalando en que casos cómpre habilitar exames en liña. Hai materias nas que vai ser preciso recorrer a ese tipo de proba, aínda que teña menos peso.

A posibilidade de facer probas presencias non se estudará até a segunda oportunidade.

Unha vez aclarado que o segundo cuadrimestre se vai avaliar a distancia, queda aberta a decisión do que se fai cos exames de segunda oportunidade, que como non empezan até a segunda quincena de xullo, é posíbel que poidan ser presenciais. De non se dar esta oportunidade, contamos coa preocupación engadida de ter que resolver como adaptar a avaliación das materias do primeiro cuadrimestre, impartidas nas aulas. En todo caso, buscaremos sempre que o alumnado asegure as competencias e capacidades das materias que está cursando, así como unha avaliación xusta.

As tres universidades galegas teñen pendente unha xuntanza coa conselleira de Educación. Que acordos comúns buscarán nese encontro?

Cada universidade ten unhas competencias de seu, pero é certo que o Sistema Universitario da Galiza funciona de tal forma que trata de acadar acordos coa Consellaría nalgúns ámbitos, como é o caso do calendario académico. Así, nesa xuntanza que temos pendente trataremos de chegar a un consenso sobre a finalización do curso actual. 

Nós apostamos por manter as datas finais, mais vai haber que facer algunha excepción no caso das avaliacións de traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM) ou de titulacións que requiran prácticas hospitalarias ou de empresa. Eu espero que cheguemos a un acordo. 

Parte do alumnado mantén que lle resulta imposíbel seguir co curso e piden que se paralice. Que opinión lle merece esta posibilidade?

Eu recibo a calquera membro da comunidade universitaria que mo pida, así que me sorprendeu moito atopar nas redes sociais unha serie de propostas, mesmo un chamamento á folga. Neste sentido, téndolle a man a calquera para falar das medidas que estamos ditando e analizar os puntos de vista de cadaquén.

"Creamos unha nova ferramenta que nos permitiu habilitar unha aula virtual por cada aula real, para que o alumnado poida seguir algunhas clases en directo".

Disto isto, nós somos partidarios de rematar con normalidade, dentro da situación extraordinaria que estamos vivindo, para que o alumnado que supere con éxito o curso non teña un título devalado senón con todos os coñecementos, habilidades e competencias. Creo que a solución que adoptamos é congruente e insisto en que estamos abertos a dialogar con calquera delegación de estudantes que o solicite. 

Como está funcionando a docencia telemática e que datos manexan sobre a conectividade, accesibilidade e autonomía do alumnado para podela seguir?

Desde 2003 xa viñamos empregando unha plataforma propia para axilizar a relación entre o persoal docente e o alumnado. Nas últimas semanas o seu uso disparouse porque permite chegar ao 100% dos estudantes. Ademais creamos unha nova ferramenta que nos permitiu habilitar unha aula virtual por cada aula real, para que o alumnado poida seguir en directo, por videoconferencia, algunhas clases.

Co fin de resolver as dificultades derivadas da fenda dixital, repartimos equipos sen fíos con 100 xigas mensuais, até xullo, e ordenadores a quen declarou a súa necesidade. Con todo, somos conscientes de que isto non fala dunha igualdade real, porque a situación nas casas é moi variábel.

Que opcións teñen as estudantes que participan en programas de mobilidade para non perder o curso?

Moitas están atrapadas fóra sen facilidades para seguir a docencia na súa universidade de destino, por iso optamos por que poidan volver ás clases aquí, e facer un recoñecemento do seu esforzo sen necesidade de que perdan o ano.

Preparadas para un novo confinamento

"Se somos quen de rematar nas datas previstas e todo canto temos argallado sae ben, creo que o ano que vén non habería que modificar nada salvo as datas de inicio das clases de primeiro, ante o traslado das probas de acceso á universidade", explica o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, partidario de comezar con normalidade e conscientes de todo o aprendido de cara a unha futuríbel corentena.

"En previsión dun novo período de confinamento o ano que vén, creo que a experiencia deste curso vai axudarnos a deseñar plans específicos desde o punto de vista técnico e pedagóxico máis eficaces".

Nese novo período académico, advirte, habería que atender, ademais, as demandas do alumnado pendente de concluír os seus estudos. "Á espera dunha resolución estatal, estamos dispostos a ser máis flexíbeis e a superar o límite de setembro, sempre baixo pedimento".