Antonio López (USC)

"Imos ter que atrasar o período de exames e situar o inicio das probas en xuño"

O reitor da USC, Antonio López (Santi Alvite).
O curso universitario rematará sen aulas presenciais na Galiza. A este primeiro anuncio, acordado polas tres universidades galegas, quédanlle outros non menos importantes. O máis inmediato, definir un sistema de avaliación adaptado á docencia telemática. Nós Diario conversa co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

—Que certezas pode ter a día de hoxe o alumnado da USC a respecto da avaliación do curso?

Despois de reunirme cos decanos e coas direccións dos centros, poden contar coa proposta unánime de buscar un sistema de avaliación moi flexíbel e adaptado á realidade deste cuadrimestre, no que houbo unha parte de docencia presencial e outra virtual. Temos que ter isto moi en conta á hora de deseñar as probas finais. 

"Traballamos para que a avaliación sexa xusta, razoábel e acaída ás novas circunstancias".

Ademais, temos claro que nos casos en que se poidan programar sistemas de avaliación nos que non sexa necesaria a presenza do alumnado vai ser así.  Pero hai determinados ámbitos, materias e títulos, onde será moi difícil a avaliación sen probas presenciais. Así é que traballaremos nunha fórmula mixta, botando man da avaliación continua ou de traballos, e nos casos en que sexan necesarios exames presenciais, estudaremos a ver se os poderiamos facer, porque nos axudaría moito. 

Neste sentido, imos ter que modificar o calendario actual. Haberá que atrasar o inicio das probas, previsto para mediados de maio, até xuño, e concentralas aí. Temos que resolvelo canto antes para maior tranquilidade das estudantes. Se despois tivésemos que buscar outra solución excepcional tamén o faríamos.

—Está garantida a calidade do proceso docente e da avaliación?

Traballamos para que sexa xusta, razoábel e acaída ás novas circunstancias. A solución mixta que propoñemos cremos que é a máis axeitada para atender todas as demandas e non prexudicar ninguén, garantindo a igualdade de oportunidades.

—Como están funcionando a  docencia telemática e as metodoloxías non presenciais?

É outro dos asuntos que nos ocupa. Os equipos de cada facultade teñen a encomenda de avaliar e elaborar un informe sobre a docencia non presencial que se está a facer: aulas abertas, canles de comunicación co alumnado, materiais e guías didácticas dispoñíbeis para preparar os contidos, ordenamento temporal da actividade... Nunha semana teremos unha análise detallada de como están indo as cousas en cada título e en cada materia, para identificar os problemas que se dan de forma individualizada e tratar de resolvelos no tempo que nos queda.

"Flexibilizamos os prazos e os calendarios para que se poidan completar máis aló do período inicial".

A sensación é que está indo razoabelmente ben, malia as dificultades técnicas, de capacidade e de equipamento que implica traballar desde a casa, tanto para o alumnado como para o profesorado, que están realizando un grande esforzo.

—Neste sentido, a USC abriu unha liña de axudas para cofinanciar o acceso a internet do alumnado. Que resposta tivo?

Atravesamos unha situación difícil nas peores condicións. Non só se trata do salto e da aposta polo non presencial, coas demandas que iso supón; ademais, non o podemos facer desde a Universidade, usando todas as súas capacidades. Cadaquén teno que facer desde o seu domicilio, sen o soporte do que gozarían no campus para acceder á rede. De aí a resposta da USC para axudar o alumnado cos gastos dos seus contratos de datos. Recibimos algo máis de 600 solicitudes que estamos tratando de resolver canto antes.  

—Que garantías ten o alumnado pendente de completar un período de prácticas?

A paralización da actividade presencial e das empresas supuxo a paralización das prácticas. Polo tanto flexibilizamos os prazos e os calendarios para que se poidan completar máis aló do período inicial. Tamén adaptamos a superación das materias prácticas cando se acredite o logro dos obxectivos formativos, o tempo dedicado e, polo menos, 50% do que estaba previsto. 

Ao alumnado de continuación de estudos ofréceselle a posibilidade de cambiar a matrícula para outras materias ou de anulala para facer as prácticas o curso que vén. O que acaba terá a opción de ler o traballo de fin de grado ou de fin de máster antes de que se teña completado o período de prácticas, aínda que a incorporación ao expediente se faga despois de superar todas as materias. Queremos dar as máximas facilidades para que poidan rematar o curso con éxito.

—A investigación tamén se viu interrompida. Como se acomoda durante a fase de confinamento?

Hai unha serie de proxectos relacionados co coronavirus que seguen en marcha con algunha actividade presencial nos laboratorios, de forma excepcional. Con carácter xeral, o Persoal Docente Investigador (PDI) está nos seus domicilios levando a cabo a súa actividade na medida do posíbel. De forma extraordinaria tamén se lles permite o acceso aos seus centros para o mantemento de equipos ou garantir o coidado dos animais que teñen nos laboratorios.

Novas experiencias cara ao futuro

Pendente de resolver o curso actual, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela non perde de vista os desafíos que traerá o vindeiro ano académico. "Desta circunstancia hai que aprender. Pasar do presencial ao virtual nunha fin de semana tennos que servir para dar un paso adiante no uso de todas as ferramentas virtuais que estamos empregando como complemento da docencia presencial, á que volveremos".

Antonio López chama a sentir máis próximas as posibilidades do campus virtual ou das titorías electrónicas, mais, de cara ao inicio do curso 2020-2021 sinala outra variábel. "O cambio de datas da selectividade é probábel que nos obrigue a variar o calendario, porque coas probas de avaliación en xullo e mediados de setembro vaise atrasar o acceso á universidade das persoas que aproben ás portas do outono, e igual convén axustar o inicio do curso", sostén.