A Xunta pide ás tres Universidades "homoxeneidade" na avaliación do final de curso

A conselleira de Educación reuniuse cos tres reitores para estabelecer as bases do final do curso universitario (Xunta).
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, mantivo onte un encontro por videoconferencia dos reitores das Universidades da Coruña, Compostela e Vigo, na que chamou a unificar criterios, fórmulas e calendario de avaliación deste final de curso. 

Esas deberán ser, a ollos da Xunta, as bases para a avaliación do estudantado universitario neste cuadrimestre que se recollan nas instrucións de avaliación que as tres institucións académicas teñen previsto aprobar nos días vindeiros nos seus respectivos Consellos de Goberno para regular o final deste curso 2019-2020.

O obxectivo, segundo informan desde a Xunta, é tentar minorar o máximo posíbel as consecuencias negativas da suspensión das clases a través dunha fórmula similar na educación non universitaria. Neste sentido, Pomar considerou que o principio xeral das materias do segundo cuadrimestre debería ser flexibilizar, aumentando as posibilidades de elección do estudantado. e avaliar os contidos impartidos e explicados presencialmente nas aulas.

No encontro de onte, a titular de Educación sinalou que esa homoxeneización terá que estar aínda máis presente nas titulacións que se imparten en diferentes campus. A ese respecto,  pediu que se busque "máxima coincidencia" tanto nos modelos de exame como nas fórmulas de avaliación virtuais.

Pomar animou aos reitores para levar parte da carga de exames aos meses de xullo e setembro, a condición de que sirva para evitar a "acumulación e saturación" do estudantado. 

Organizacións estudantís como Anega teñen manifestado a súa posición contraria á continuidade do curso nesta situación de confinamento derivada da crise sanitaria e mesmo hai unha folga indefinida para reclamar a finalización do curso.

Probas da ABAU

Na reunión cos reitores, a responsábel da Xunta tamén demandou unha "aínda maior flexibilidade" do modelo de exame de selectividade, en relación á primeira proposta da Comisión Interuniversitaria de Galicia ( CIUG) para o modelo de exame.

Segundo indican desde a Xunta, esta é a liña suxerida polo Ministerio e que van seguir noutros territorios. "Non axustarse a ela suporía someter o alumnado galego a un nivel de exixencia maior que o pode prexudicar no acceso a determinadas titulacións", advirtem desde a Consellaría.