Milleiros de persoas clamaron por todo o país contra a "especulación enerxética"

Estampa da manifestación de hoxe en Lugo (Foto: Eólica así non).

A Coordinadora ‘Eólica Así Non’ levou a cabo este domingo seis mobilizacións diferentes en territorios afectados “pola actual invasión eólica” coincidindo co ‘Día das Montañas’.

No día de hoxe, con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, mobilizou unhas 2.000 persoas en diferentes localidades do país baixo o lema “Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores”.

O propósito nesta ocasión foi resaltar o papel que a sociedade civil organizada veu xogando nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego “fronte ao actual espolio eólico, logo de ser traizoada e abandonada polos goberno do Estado e da Xunta, que se puxeron ao servizo unicamente dos intereses do lobby enerxético”.

O manifesto das mobilizacións botou luz sobre “as funcións ecolóxicas e sociais que fan as montañas galegas, como fornecedoras de auga e alimento, reguladoras do clima e da erosión do solo, como sumidoiros de CO2 e refuxio de fauna, flora e hábitats cuxa protección é fundamental para a nosa subsistencia, e como fogar secular de boa parte da poboación rural galega”.

Por todo iso, a Coordinadora Eólica Así Non reclamou a consideración das montañas como ecosistemas de “interese público superior fronte á invasión eólica e a enerxía especulativa”.

As e os manifestantes instaron á Xunta e ao Estado a que demostren que gobernan “para o interese xeral e que procuran unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentábel e ao servizo do pobo galego”.

Estes actos reivindicativos tiveron lugar en seis localidades de todo o país: Amil (Moraña), Vilar de Barrio (Ourense); Val do Dubra, Ortigueira, A Fonsagrada e Lugo. Agás no caso da Fonsagrada, cuxa concentración tivo lugar onte sábado, 9 de decembro, todas se celebraron durante a mañá de hoxe domingo.

A mobilización máis numerosa foi a de Amil, onde preto dun milleiro de persoas realizaron unha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres

Todos os actos de Eólica Así Non remataron co anuncio das plataformas e organizacións sociais de seguir “mobilizando” a sociedade galega e  recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais até frear o que consideran “un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos”.