Un millar de persoas protesta en Sanxenxo contra o "desmantelamento" da Atención Primaria

Unha concentración no PAC de Baltar (Sanxenxo) reclama máis medios sanitarios. (Foto: Europa Press).

BNG e PSdeG sumáronse á mobilización convocada pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Formoso pregunta a Rueda se quere estender o "modelo Sanxenxo", que para o BNG é o "quilómetro cero" da "situación extrema" da sanidade.

Ao redor dun milleiro de persoas concentráronse este sábado ás portas do PAC de Baltar, na localidade de Portonovo, Sanxenxo, para amosar a súa desconformidade coa situación dos servizos sanitarios de Atención Primaria no municipio e a comarca do Salnés, onde denuncian que existe unha ratio de "un médico para 33.000 persoas" durante este verán debido á falta de efectivos.

Hai catro médicos para máis de 100.000 persoas

A mobilización, convocada pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública contou coa participación de representantes de distintas organizacións sociais, sindicais e políticas, entre elas, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado.

"Só se atenden urxencias"

"Esta concentración demostra como a poboación da área está moi preocupada e enfadada pola situación sanitaria", sinalou, o portavoz da Asociación Galega para a Defensa dá Sanidade Pública, Manuel Martín.

Neste sentido, alertou das ratios de médico por habitante durante a tempada estival nunha das comarcas máis turísticas de Galicia. "Son unha tolemia". "Hai catro médicos para máis de 100.000 persoas", advertiu tras subliñar que "só se atenden urxencias" e tarefas como a promoción e a prevención "desapareceron" por falta de medios.

Tamén resaltou os problemas que existen nos puntos de atención continuada. "O do Grove ten que fechar porque non hai persoal, o que obriga a poboación a desprazarse a Portonovo", engadiu Martín, quen mostrou a súa satisfacción pola implicación da veciñanza na recollida de firmas para a Iniciativa Lexislativa Popular que impulsan co fin de demandar á Xunta cambios na xestión da Atención Primaria.

Críticas ao conselleiro

O portavoz da entidade lamentou a resposta do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a quen acusa de "enganar á xente cando di que onde habería que manifestarse é en Madrid".

Modelo Sanxenxo: menos recursos, menos médicos e menos enfermeiros

"Todas as competencias relativas á Atención Primaria son da Xunta. É unha saída de ton que non entendemos", apuntou antes de advertir que Sanxenxo é a mostra do que considera un proceso de "desmantelamento" deste primeiro nivel do sistema público para "poñela en mans" das empresas privadas.

"Modelo Sanxenxo"

En declaracións aos medios, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que Sanxenxo representa a "zona cero" da "xestión dramática do PP na Galiza".

Nesta liña, o responsábel socialista intou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a explicar se pretende estender a todo o territorio "o modelo Sanxenxo", que definiu como "menos recursos, menos médicos e menos enfermeiros".

"Consideramos a sanidade como principal asunto que resolver", incidiu Formoso, que apelou a Rueda para pedirlle que acceda a sentar cos partidos para negociar un "reequilibrio" dos orzamentos da Xunta e aumentar un 10% o gasto que destina a administración galega a xestión sanitaria.

Sanxenxo e O Salnés representan o quilómetro cero da situación xerada polas políticas do PP

"Voadura controlada da sanidade"

Pola súa parte, a portavoz de Sanidade do Bloque no Parlamento galego, Montse Prado, resaltou que Sanxenxo e O Salnés representan "o quilómetro cero da situación xerada polas políticas do PP" que, ao seu xuízo, "non é unha cuestión puntual".

"É consecuencia de 13 anos de voadura controlada da sanidade pública", afirmou a parlamentaria nacionalista, que censurou a falta de reforzo de persoal nunha comarca "que ve como se multiplica a súa poboación" durante o verán.

É máis, Prado asegurou que "lonxe de multiplicar" os recursos por este fenómeno durante os meses de verán, a Consellaría de Sanidade "recorta" persoal. "Isto non permite ofrecer unha atención de calidade", concluíu.