A Xunta nega que a morte dunha muller no PAC de Baltar, en Sanxenxo, sexa "un problema de recursos"

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Xosé Flores; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa. (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Sanidade volveu culpar a oposición de "utilizar a sanidade para facer política".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, negou que a morte dunha muller no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar, en Sanxenxo, fose por "un problema de recursos" e vinculou o sucedido coa "información que se traslada ao médico do 061 e a situación da paciente".

Comesaña fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas na Coruña. O conselleiro insistiu en que a falecida chegou ao centro de saúde nunha situación "que non se corresponde coa situación trasladada previamente", indicou Comesaña sobre a información achegada ao 061 na chamada inicial, feita pola súa parella sentimental. Ademais, remitiuse á investigación por parte do xulgado.

Manifestación en Sanxenxo

Sobre a manifestación convocada este sábado en Sanxenxo, Comesaña aseverou que "hai quen utiliza a sanidade para facer política de maneira permanente". "Isto é un novo exemplo", sentenciou.

Preguntado sobre cando volverá o Sergas dar citas previas no centro de saúde de Baltar, explicou que de oito médicos hai tres e que, a pedimento destes, pediuse "adecuar a programación das citas e citar só as non demorábeis". Tamén dixo que a intención é que en setembro "todos os ocos de consulta programábel poidan estar dispoñíbeis".

En canto ás demandas sindicais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e as denuncias sobre falta de persoal, argumentou que están fixadas reunións e que o obxectivo é manter un "diálogo fluído" coa comisión de centro.

Situación da Atención Primaria

Por outra parte, cuestionado sobre a situación da Atención Primaria, insistiu en que é "complicada" pola "falta de profesionais", pero engadiu que a Xunta "no ámbito das súas competencias está a tomar medidas".

Entre estas, citou a convocatoria de máis dun centenar de prazas por concurso de méritos para médicos de familia ou a "liberación de carga de traballo menos médica" aos profesionais.

Con todo, volveu demandar "a quen ten a chave", en alusión ao Executivo estatal, a toma de medidas para que se convoquen máis prazas MIR.