Sen consultas médicas no que resta de agosto no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) pola saturación da sanidade

Mobilización en defensa da sanidade pública en Compostela, no mes de xuño. (Foto: Arxina)
Defensa da Sanidade Pública denuncia que o ambulatorio fechou as axendas de todo o persoal médico até final de mes malia o incremento da poboación a atender no verán por mor da grande afluencia turística.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública vén de alertar do fechamento de axendas de todo o persoal médico do centro de saúde de Baltar, no municipio de Sanxenxo, durante o mes de agosto para consultas, renovación de receitas ou emisión de baixas laborais.

Así, tacha esta situación de "vulneración inaceptábel" do dereito da poboación para acceder á asistencia sanitaria e ás prestacións do sistema público da Galiza.

Deste modo, a asociación apoia as denuncias da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo e critica que esta problemática mostra, "máis unha vez, a incapacidade do Sergas e da xerencia da área para planificar a Atención Primaria".

Esta situación, defenden, é "algo especialmente grave cando aumenta a demanda asistencial ao multiplicarse a poboación pola afluencia turística" durante o período estival.

Igualmente, sostén que "corrobora" a crítica de que "proporcionar vivenda ao persoal médico no verán non era máis que unha desafortunada ocorrencia de márketing populista que non soluciona nada".

Defensa da Sanidade Pública considera "moi preocupante" que unha das primeiras medidas da nova xerencia da área sexa "incrementar aínda máis os recortes". De tal forma, avanza que convocará mobilizacións en resposta.

Cómpre lembrar, neste senso, que a xerencia vén de pasar a mans do ex responsábel do Sergas, José Flores, após a presión dos sindicatos para cesar o antigo xerente de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez.