Parlamento

O PP impide que Rueda compareza na Cámara após a morte dunha muller no PAC de Baltar, en Sanxenxo

O deputado popular Alberto Pazos cualificou de "pseudoparlamentarismo impúdico e necrófilo", nas súas palabras, "a lombos dunha hiena ou voitre" a petición do BNG, que advirte que non aceptará "como algo normal" a falta de medios na sanidade pública.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O PPdeG rexeitou cos seus votos a petición do BNG —apoiada polo PSdeG— para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza no Parlamento galego pola situación da sanidade no país, após a morte dunha muller no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Sanxenxo.

Os populares cualificaron a proposta de "pseudoparlamentarismo impúdico e necrófilo"

Nun debate decorrido nesta sexta feira na Deputación Permanente, o parlamentario popular Alberto Pazos advertiu que "non todo vale" e argumentou o voto en contra do seu grupo para non ser "partícipe dun intento de instrumentalización" dun caso que está xudicializado. Neste senso, Pazos acusou o Bloque de "carroñismo político" e destacou que "a demagoxia e a mentira non son as ferramentas adecuadas para convencer os galegos", antes de indicar que habería que ver "que ocorre nos xulgados" para determinar se ten que comparecer algún conselleiro.

O parlamentario expuxo as explicacións do Sergas de que foi unha decisión "baseada na sintomatoloxía" con supostas contradicións no relato do familiar da falecida. "É falso como di o BNG que esta morte se produce nun contexto de falta de ambulancias", dixo, ao tempo que lamentou o  "pseudoparlamentarismo impúdico e necrófilo", nas súas palabras, "a lombos dunha hiena ou voitre".

"Sobran as razóns", di o BNG

Pola súa parte, a deputada do BNG Montse Prado advertiu de que o ocorrido en Baltar "pode pasar en calquera momento a calquera veciño" deste ou "outros moitos centros de saúde" da Galiza, e avisou de que os nacionalistas non van "aceptar como normal" que isto pase, que "miles de galegos" estean "sen médico" e "sen atención pediátrica" e que as urxencias sanitarias "estean saturadas".

Prado denunciou que en Sanxenxo "as axendas están pechadas" e "non hai posibilidade de pedir consulta ordinaria". "Sobran as razóns para que o presidente compareza, dea explicacións e sobre todo traia alternativas", chamou a atención a deputada.

Por iso reclamou a comparecencia de Rueda e urxiu "que haxa medios" e "medidas" nun contexto no que os PAC contan con escaseza de profesionais, dixo, citando como exemplos O Grove e A Parda (Pontevedra).

Os socialistas piden unha "avaliación seria" da situación

Na súa intervención, o socialista Luís Álvarez subliñou o seu respecto polas decisións dos profesionais no caso de Baltar, pero remarcou que tamén a xuízo do PSdeG Rueda "debería presentar unha avaliación seria" sobre o estado do sistema sanitario no país e explicar "que alternativas ten". O deputado socialista rexeitou estabelecer unha "xustiza paralela" na Cámara, mais tamén denunciou que a situación da sanidade galega é "grave".

"Este grupo non vai entrar a culpar unha persona ou unha decisión dun grupo de profesionais", precisou, antes de concluír que "a cuestión radica en que a pobre xestión sanitaria leva a que os profesionais teñan que xestionar unha situación tan precaria". "Se non é posíbel atender as necesidades que hai, é precisa unha reflexión sobre incrementar os recursos", sentenciou.

Comentarios