Máis de mil persoas protestan en Lugo contra a política eólica da Xunta e do Estado

Marcha polas rúas de Lugo contra os proxectos eólicos. (Foto: Un vento vén)
Lugo acolleu unha nova mobilización contra os proxectos eólicos en tramitación na Galiza. A marcha, convocada pola plataforma Un vento vén, reuniu a a máis de mil persoas

 

As rúas de Lugo congregaron esta mañá máis procedentes de toda Galiza que rexeitaron o modelo eólico  do Goberno do Estado e da Xunta da Galiza. A marcha deu continuada as realizadas en setembro de 2022 na Coruña e en xaneiro de 2023 en Vigo.

A protesta estivo convocada pola plataforma Un vento vén, un colectivo que congrega a máis de 100 de entidades de todo o país, e arrancou as 12:30 da Torre da Mosqueira da Muralla de Lugo facendo paradas en diversos puntos da cidade.

Protesta en Lugo

Os manifestantes congregáronse, primeiramente, diante da Casa do Concello, onde solicitaron a administración local a paralización dos proxectos en marcha. A continuación dirixíronse á sede da Delegación do Goberno, para protestar contra os proxectos eólicos aprobados polo Executivo estatal.

A marcha, desenvolveuse baixo a lenda do "pobo galego unido contra a depredación enerxética" e rematou diante do edificio da Xunta da Galiza. Alí, os congregados desenvolveron diversas actividades lúdicas e culturais, reclamando ao Goberno galego a paralización das instalacións eólicas, actualmente, en tramitación.

O colectivo organizador da mobilización denuncia que “a meirande parte dos 140.000 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation son entregados ás empresas enerxéticas para ampliaren o seu negocio”.

'Invasión de proxectos enerxéticos'

A plataforma advirte dunha “invasión de proxectos enerxéticos”, baseado “nun modelo deseñado a medida das grandes compañías eléctricas e da especulación financeira, entrando no xogo empresas oportunistas que nada tiñan que ver até agora coa enerxía eléctrica”.

Un vento vén critica que “desde hai máis de dúas décadas, Gobernos da Xunta e do Estado con distintas siglas políticas, deseñan un modelo enerxético a medida dos intereses económicos especulativos das grandes compañías do sector enerxético e do sector financeiro”.

Os promotores da mobilización desta maña en Lugo lembran que “Galiza é excedente desde hai anos en produción de electricidade, a maioría eólica e hidroeléctrica. Parte desta é exportada fóra do noso territorio e parte pérdese no seu transporte”.