Miles de persoas volveron saír ás rúas contra a violencia machista

Centos de persoas saíron as rúas de Vigo neste 25-N. (Foto: Adrián Irago Europa Press)

A manifestación de Vigo proclamou "menos luces e máis recursos"

A xornada deste 25 de novembro, Día Mundial contra a Violencia Machista, volveu a estar protagonizada por miles de mulleres que, á marxe de actos institucionais, volveron saír ás rúas de toda a xeografía galega para seguir berrando contra o terrorismo machista e dicir "basta", tan só dous días despois dun novo crime, o de Judith M. G., atopada no Porriño (comarca de Vigo), que non se descarta que se trate dun feminicidio.

Durante este sábado xa houbo distintas concentracións e actos, como a mobilización que acolleu Pontevedra, cunhas 200 mulleres que se sumaron ao lema 'A nosa loita é pola vida' e na que clamaron contra todo acto violento contra as mulleres, vítimas desta violencia polo feito de ser muller. Así mesmo, ao longo de todo o territorio galego, as voces das mulleres pediron máis medios, o reforzo dos centros integrais de atención á muller e loitar contra os discursos que negan a violencia de xénero.

En todas as concentracións organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres (unhas 25 en todo o país), fíxose un chamamento á "autoorganización feminista e a autodefensa", na liña das mobilizacións impulsadas polas traballadoras da limpeza "por un convenio digno", de educación infantil, das conserveiras, de traballo no fogar, de Atención Primaria no Sergas ou as mulleres de Palestina.

Mobilizacións

En Vigo, o movemento feminista unitario de Vigo saíu ás rúas coa "rabia polo último asasinato machista, polas mulleres que sofren cada día a violencia física, psicolóxica, económica e sexual".

Nesta protesta con cánticos e baixo a acabada de estrear iluminación do Nadal, puidéronse escoitar proclamas como "arriba o feminismo que vai vencer", "coidado machista, estás na nosa lista" e "menos luces, máis recursos".

"Non nacín muller para morrer por selo; Os asasinatos trans son políticos; Non o sei Rick, parece patriarcado; Eu escollo como me visto e con quen me desvisto" foron algúns dos carteis que as manifestantes portaron na protesta viguesa.

Tamén na tarde deste sábado, Compostela acolleu unha mobilización na que estivo presente a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, que este mesmo sábado se comprometeu coas políticas contra a violencia de xénero, achegando (se chega a Gobernar a Xunta) o 1% do orzamento a este fin, máis aló de "lazos morados" e de declaracións institucionais.

Ao comezo desta mesma manifestación, a alcaldesa da capital da Galiza, Goretti Sanmartín, defendeu que Compostela seguirá sendo un "concello claramente feminista" e reclamou non só o fin dos "feminicidios" senón de todas as "discriminacións". "Necesitamos garantir os dereitos das mulleres todos os días do ano", defendeu, mentres se escoitaban, no fondo, proclamas feministas.

Antes desta hora, ao Obelisco da Coruña acudiron varios cargos socialistas, como o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen, en declaracións aos medios, dixo que "hai que mirar de fronte a quen nega a realidade da violencia machista, ás opcións políticas de dereita e ultra dereita que denigran as políticas de igualdade”.

Críticas á Xunta

O manifesto da Marcha Mundial criticou que "nada se pode esperar" da Xunta e do seu presidente, Alfonso Rueda, argumentando que o "o PP aliñouse coa ultradereita fascista" e está a contribuír a servir "os intereses do sistema" e a perpetuar "o machismo máis rancio". Tamén rexeitou "a Xustiza e as súas leis machistas que poñen en dúbidas as agresións".

Así, a Marcha Mundial dás Mulleres apelou a ser "combativas, firmes e convencidas de seguir loitando" contra situacións como a fenda salarial, a desigualdade económica e as "violencias" que as mulleres sofren "en cada ámbito" das súas vidas: "Somos as que sostemos o mundo sen ter dereito a vivir nel", engadiu.

O manifesto anima a "converter todos os días do ano en días de loita contra o machismo e contra a violencia cara ás mulleres".