Concentracións e actos institucionais decorren na Galiza nunha xornada de reivindicación contra o terrorismo machista

Concentración este 25 de novembro en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Unhas 200 mulleres déronse cita en Pontevedra baixo a apelación de ser "máis combativas"

A Galiza acolle na xornada deste sábado máis de 25 concentracións para facer visíbeis as reivindicacións feministas. As mobilizacións deron comezo esta mañá con concentracións e actos institucionais por toda a xeografía galega. Alén de actuacións locais por parte dos concellos con actos simbólicos, a cor morada tamén se deixou ver en concentracións con carácter máis combativo.

Unha delas, antes das marchas programadas para a tarde-noite deste sábado, foi a concentración de Pontevedra. Unhas 200 persoas déronse cita na praza de Ourense para gritar "non máis retrocesos nin máis machismo".

Durante a protestafíxose un chamamento á "autoorganización feminista e a autodefensa", na liña das mobilizacións impulsadas polas traballadoras da limpeza "por un convenio digno", de educación infantil, das conserveiras, de traballo no fogar, de Atención Primaria no Sergas ou as mulleres de Palestina.

A concentración comezou cun minuto de silencio en memoria de Judith M. G., a veciña de Vigo de 37 anos cuxo corpo foi atopado no polígono industrial das Gándaras, no Porriño (comarca de Vigo), e que se investiga como un novo crime machista. Durante a media hora que durou a mobilización coreáronse consignas como "Non son mortas, son asasinadas ", "Denuncia arquivada, muller", "O machismo é terrorismo”  ou "Menos discursos, máis recursos”.

A Marcha Mundial dás Mulleres despregou unha pancarta co lema "Organicémonos contra as violencias machistas", secundada por colectivos como a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Erguer. Estudantes da Galiza e o BNG, que contou coa edil de Promoción Económica, Anabel Gulías. Tamén se leron mensaxes individuais dirixidas á nova ministra de Igualdade, Ana Redondo, reclamando que "non ten que abolir as mulleres trans, senón o machismo".

Críticas á Xunta

O manifesto criticou que "nada se pode esperar" da Xunta da Galiza e do seu presidente, Alfonso Rueda, argumentando que "o PP aliñouse coa ultradereita fascista" e está a contribuír a servir "os intereses do sistema" e a perpetuar "o machismo máis rancio". Tamén rexeitou "a Xustiza e as súas leis machistas que poñen en dúbidas as agresións".

Así, a Marcha Mundial dás Mulleres apelou a ser "combativas, firmes e convencidas de seguir loitando" contra situacións como a fenda salarial, a desigualdade económica e as "violencias" que as mulleres sofren "en cada ámbito" das súas vidas: "Somos as que sostemos o mundo sen ter dereito a vivir nel", engadiu.

A mobilización concluíu animando a "converter todos os días do ano en días de loita contra o machismo e contra a violencia cara ás mulleres".