A memoria queer da Galiza recupera Blanco Amor a través da música

O videoclip de 'Eduardita', gravado no Liceo de Ourense, reivindica Blanco Amor: "Envexosos vós!". (Foto: Cizalla Producións).
A banda Piratas sen parche vén de estrear 'Eduardita', unha canción dedicada a a Blanco Amor que busca recuperar a figura do escritor para o colectivo LGBTIQA+ e fornecer a memoria diversa da Galiza a través da música. Música feita desde as marxes para as marxes, "pero tamén para o centro. A necesidade de referentes é vital".

"Poucas cousas feren máis que o silencio ou a invisibilización. Recuperar as nosas referentes é, ademais dunha merecida homenaxe, unha ferramenta para empoderarnos no que nos fai diverses, xa sexa a nivel lingüístico, identitario ou afectivo". Quen así se expresa, en conversa con Nós Diario, é Éric Dopazo, autor de Eduardita, unha canción que busca rescatar a través da música a memoria diversa da Galiza e, en particular, a do escritor Eduardo Blanco Amor.

"Eduardita é o axuste de contas coa sociedade que meteu a Blanco Amor nun armario, facendo que nos libros de texto non figure como dato importante que era homosexual e que iso impregnou a súa vida e obra: dende a súa correspondencia con Suárez Picallo até as súas visitas ao Casino con Lorca; dende a evidencia do Milhomes na obra A Esmorga até a necesidade de pertencer a un grupo de iguais na 'Arrasadeira',  un dos contos de Os biosbardos.

A xénese de 'Eduardita'

Cada mes de setembro, a comisión de sexodiversidade da asociación A Galleira (Ourense) homenaxea Blanco Amor polo seu aniversario. Unha das últimas ofrendas foi a versión inicial de Eduardita, que acabou por converterse nunha "longa aventura  baseada no cooperativismo".

Foi un traballo en equipo moi ben fiado, coa participación desinteresada de perto de medio cento de persoas para facer volver á vida o Eduardo coa dignidade que o caracterizou

A letra foise perfilando aos poucos e axiña comezou a recibir todos os coidados da banda que a interpreta: Piratas sen parche, formada Éric Dopazo (voz), Efrén Novoa (baixo), Kinhos Saburido (percusión) e Jose Gayoso (guitarras e produción). Unha vez rematada chegou a vez do videoclip, unha creación de Cizalla Producións na que contaron coas achegas do Liceo de Ourense, que cedeu o seu espazo para a gravación, de Siete Gatos Blancos, que lles prestou o  equipo de iluminación, ou de Manuel García Cabo, responsábel do vestiario orixinal da época. "Foi un traballo en equipo moi ben fiado, coa participación desinteresada de perto de medio cento de persoas para facer volver á vida o Eduardo coa dignidade que o caracterizou". 

Referente do orgullo crítico

Case todas son parte do colectivo LGBTIQA+ "e 63% do reparte é tamén disidente", precisa Dopazo, quen salienta o compromiso xeral para "converter o silencio que armarizou o Eduardo nun agradecemento póstumo".

Blanco Amor pasou boa parte da súa vida tentando lembrarlle á xente que Lorca era maricón

"En Ourense, grazas a persoas que levan toda a vida no activismo, Blanco Amor ten cabida no Orgullo Crítico que organizamos. A el debémoslle a dignidade pola que loitou toda a vida e a nós mesmes debémonos lembrar que estas rúas polas que agora camiñamos, camiñaron outres antes escoitando os mesmos berros".

Nin a diversidade nin a diversofobia son inventos modernos, asegura Éric Dopazo. "Blanco Amor pasou boa parte da súa vida tentando lembrarlle á xente que Lorca era maricón. A sociedade preferiu ignoralo e fixo o mesmo cando morreu: tentar separalo dunha cualidade que o definiu e que lle era inherente. Creo que foi profundamente incomprendido, pois habitou as marxes e tivo que padecer a homofobia de forma intensa, pois ao non desculparse era dobremente castigado".

O seu legado, afirma Dopazo, é a creación de espazos seguros, a loita constante das asociacións que se mobilizaron cando mataron a Samuel Luiz, pero tamén son parte do seu legado "as persoas que non toleran a diversofobia no seu contorno, as que non rin un chiste machista, as parellas que van da man malia todo... O legado é reapropiarnos do insulto. É coidar moito da Eduardita que levamos todes dentro".

Memoria

A memoria histórica e a memoria queer están a ser "salvadas" por persoas como Eva Mejuto, Daniela Ferrández, Montse Fajardo, Ximena Ataide e "outras tantas que nin sequera coñezo", declara Dopazo. "A elas debémoslles agradecer a preservación das verdades que algunhes tentaron soterrar en silencio".

Canda a estes nomes cita outros, os de Elisa, Marcela, Blanco Amor, Ernesto Foliers, Laura Bugalho, Maria Reimóndez, Teresa Moure, Nee Barros... "Cómpre lembrar o pasado para saber de onde vimos e quen somos" mais quen está a facer, tamén, "o utópico real".

O legado é reapropiarnos do insulto. É coidar moito da Eduardita que levamos todes dentro

O autor de Eduardita recoñece un período amplo de documentación para a creación do videoclip. "Atopamos sobre todo revistas que falaban del no 1993, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E estivo moi ben poder atopar arquivos fotográficos na Biblioteca Nós de Ourense, pero desde logo a sua figura merece máis difusión da que tivo, pois foi e é castigado por maricón mentres se nos falaba en profundidade de Vicente Risco e das súas filias nazis".

O videoclip, por certo, está adornado con media ducia ben de chiscadelas que Dopazo convida a localizar. A Lorca, Suárez Picallo ou Oscar Wilde.