Blanco Amor na memoria, 35 anos após a morte

Blanco Amor, o grande escritor, a través das súas amizades. Trinta e cinco anos após o seu pasamento, unha xornada lembra en Ourense a figura do autor da Esmorga e as súas relacións con outras artes.

Blanco Amor
photo_camera Blanco Amor

Cúmprense trinta e cinco anos da morte de Eduardo Blanco Amor e unhas xornadas que se deselvolven estes 1, 2 e 3 de decembro lembran a dimensión do escritor, a súa relación con outras artes como o cine, a música ou o teatro e recuperan testemuños das súas amizades, persoas que compartiron con el os seus últimos anos e aportan luz sobre a súa biografía. 

Unha ofrenda floral esta segunda feira día 1 de decembro no cemiterio de San Francisco diante da campa de Blanco Amor serve de homenaxe no aniversario da súa morte e inauguran as xornadas organizadas polo Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Eduación e Ordenación Universitaria e a Deputación de Ourense. Siro López será o mantenedor do acto no que tamén intervirán representantes do Pen Galicia, da Real Academia Galega, da Editorial Galaxia, da Xunta e da Deputación Provincial e no que tamén participará alumnado de secundaria de Ourense. 

Novo libro de Mª Xosé Queizán

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero ofrecerá o primeiro dos relatorios ás 18.15 horas coa intervención “Tres incursións na vida e na obra de Blanco Amor: Manuel Azaña, García Lorca e a sociolingüística”. A seguir a escritora Mª Xosé Queizán presentará o libro A moneca de Blanco Amor, coa participación do director de Galaxia, Víctor F. Freixanes. A primeira xornada rematará coa actuación musical de María do Ceo con poemas musicados de Eduardo Blanco Amor. 

“A obra de Blanco Amor: unha escrita que pervive” é o título da mesa redonda da terza feira 2 de decembro que modera Armando Requeixo na que interveñen Bieito Iglesias, Damián Villalaín e Luis Pérez Rodríguez. As xornadas rematarán a cuarta feira 3 de decembro coa mesa redonda “Eduardo Blanco Amor: a lembranza dos amigos”, moderada por Luís González Tosar na que tres persoas que trataron ao escritor relatarán episodios da súa biografía, Maribel Outeiriño, Nemesio Barxa e Carlos Laíño. As xornadas terán lugar no Salón Nobre do Liceo de Ourense. 

Comentarios