Margarita Robles reafírmase en subir o investimento en Defensa

A ministra de Defensa, Margarita Robles (Foto: Nós Diario).
A ministra explicou que o Goberno estatal investiu 13.000 millóns de euros en novos programas de armamento.

A ministra española de Defensa, Margarita Robles, anunciou na seguna feira que o Goberno estatal fará público o seu plan de aumento do investimento militar, mentres que a súa homóloga francesa, Florence Parly, chamou todos os Estados europeos a "gastar máis e gastar mellor" para rendibilizar eses investimentos.

Robles e Parly ofreceron onte unha rolda de prensa conxunta en Madrid tras a sesión plenaria do Consello Hispano-Francés de Defensa e Seguridade, que non se reunía desde hai nove anos. Nela, coincidiron na necesidade de consolidar ese anunciado gasto en defensa, un compromiso reeditado tras a invasión de Ucraína.

"Fronte a aqueles que ignoraban que os valores de liberdade, paz e seguridade podían estar ameazados, a guerra de Putin puxo de relevo a necesidade de que sexamos conscientes de que hai que defendelos", subliñou Robles, que sostivo que "investir en Defensa é investir en paz".

Alcanzar 2% de investimento militar 

Tamén onte, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez anunciou que o Estado chegará ao 2 % do investimento militar acordado polos países da OTAN a través dun plan plurianual que Robles avanzou que o Goberno fará público proximamente.

En calquera caso, a ministra explicou que o Goberno investiu 13.000 millóns de euros en novos programas de armamento nos últimos tres anos e medio. "Non é nada novo, xa vén da política que está a seguir este Goberno en investimentos en Defensa", afirmou.

Neste punto, a ministra francesa explicou que o problema non é só aumentar o gasto militar senón facelo "ben" a través da industria de defensa europea, para poder contar con soberanía nesta materia e que o investimento repercuta na economía dos países e a creación de emprego.

"Se cada Estado membro segue investindo con materiais totalmente distintos, non poderemos garantir a eficacia dos investimentos", avisou despois de que os Estados español e francés reafirmasen o seu compromiso nos proxectos de cooperación en que traballan, como o futuro avión de combate europeo, o 'eurodron' e os helicópteros Tigre. Neste sentido, Robles recoñeceu a "preocupación" do Goberno polos atrasos que sofre o 'caza' europeo por desacordos entre industrias.