Xuízo do Alvia

Maquinistas aceptaron "curva como animal de compañía"

No centro, o formador de maquinistas, Manuel González Sánchez, chegando ao xuízo, onte. (Foto: Nós Diario)
O xuízo polo sinistro do Alvia en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 continuou esta quinta feira na súa décimo segunda sesión coas declaracións do formador de maquinistas, Manuel González, que indicou que a curva onde se produciu o accidente era un "risco evidente". 
 

Nesta xornada tamén estaban convocados a declarar o xefe e o xerente de Produción de Viaxeiros de Renfe, Rafael Sardón Tejero e Nicolás Izquierdo Navidad, respectivamente, pero finalmente non compareceron xa que os avogados que os propuxeran renunciaron a eles.

A sesión desta quinta feira centrouse no correo electrónico enviado polo xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, no que alertaba do perigo da curva da Grandeira en Angrois, onde se produciu o accidente que provocou 80 mortes e 145 persoas feridas. Os tres convocados recibiran este correo.

O formador de maquinistas Manuel González Sánchez afirmou que aceptaron a “curva como animal de compañía” e que tiveron que “convivir con ela” até o día do sinistro. González Sánchez, que compareceu a proposta da defensa do maquinista Francisco Garzón -acusado xunto ao ex director de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte-, sinalou que non persistiu no aviso de Mazaira xa que este recibiu unha resposta de Renfe “tallante” sobre que a liña na que había que pasar de 200 a 80 quilómetros por hora tomando como referencia un sinal que non está ideado para isto “era legal”, polo que "tivemos que adoptar medidas restritivas nosas".

De feito, explicou que os maquinistas interpretaron o sinal de vía libre como momento para inicio do freado, “o cal resulta unha contradición” e engadiu que o risco detectado por Mazaira afectaba a “calquera maquinista”, incluído el. Cómpre recordar que o cargo de seguridade de Renfe Ángel Lluch, que declarou esta cuarta feira, indicara que non era “relevante” instalar máis sinais na curva.

En canto ao aviso de Mazaira, González Sánchez contradixo as declaracións do propio Lluch, quen aseverara que “nunca” recibira o correo, aínda que si admitiu que nunha conversa con el lle trasladara o aviso da curva. “Como non recibiu [o correo] se o temos todos?”, exclamou González Sánchez.

González Sánchez tamén fixo alusión á “improvisación” coa que actuaban na liña Santiago-Ourense coa xeración de normas “mnemotécnicas”. “Eu inventei até o 0, 0, 0”, apuntou. “Isto significa, para quen conduce un Avant, que cando para debe pór tres cuestións a cero”, explicou, “é unha regra miña”. Aliás, subliñou que “para nada” o cadro de velocidades máximas indica o punto no que hai que comezar a frear.

En relación ao sistema de control de velocidade, González Sánchez admite que se lle poñen "os pelos de punta" ao recordar que o ERTMS foi desconectado. O libro horario, o cadro de velocidades máximas ou o sinal en vía libre non evitan, na súa opinión, o accidente se o maquinista ten "un despiste". Porén, "con baliza non te estrelas", indicou sobre a medida adoptada despois do accidente. 

Outra investigación

O Tribunal Supremo acordou admitir o recurso de casación da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia co que busca que se realice unha investigación independente sobre o sinistro. O Supremo determinará se a regulación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) cumpre "as exixencias de imparcialidade e obxectividade".