Xuízo do Alvia

O maquinista que levou o Alvia sinistrado até Ourense, sobre a perigosidade da curva da Grandeira: "Era de dominio público"

Vista xeral do xuízo polo accidente do Alvia. (Europa Press)
Javier Illanes asegurou con rotundidade que se as autoridades tiveran feito caso ao informe do xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, o accidente non tería ocorrido.

O maquinista Javier Illanes, que levou o tren Alvia accidentado en Angrois desde o municipio leonés de Medina del Campo até Ourense afirmou na súa comparecencia desta cuarta feira que era "de dominio público" que a curva da Grandeira estaba "desprotexida".

Na súa comparecencia, a máis longa desde o comezo do xuízo, Illanes mantivo momentos tensos en varios dos interrogatorios, principalmente co fiscal e coa avogada do Estado español.

Ao representante do Ministerio Público negoulle que a formación que reciben os maquinistas fixese fincapé nas peculiaridades dese tramo. "Coméntase onde pode haber un punto de referencia (para iniciar o freado de 200 a 80 quilómetros por hora) pero logo cada un toma unha referencia diferente", salientou.

Preguntado por se no momento do accidente era consciente do punto no que se atopaban, respondeu que non, aínda que imaxinaba que debían estar "perto de Santiago" unicamente polo paso do tempo desde que o tren saíra de Ourense.

“Obriga” de responder ao teléfono

O maquinista tamén afirmou que "sempre" tería contestado contesta en caso de ser el o que estivese a conducir e recibise unha chamada como a do interventor. Illanes incidiu en que é preciso responder estas chamadas "mentres sexa un tema de servizo". "É a miña obrigación e é o que me obriga a facer a miña empresa", engadiu.

Respecto a o que lle ocorreu a Garzón ao responder o teléfono á chamada do interventor, considerou que "seguramente se desubicó", pero puxo o foco sobre a falta de sinalización na vía.

Curva desprotexida

A continuación, referiuse ao informe redactado por José Ramón Iglesias Mazaira, xefe de maquinistas que alertou da falta de indicacións de seguridade dese tramo ferroviario. Illanes mostrouse “totalmente de acordo” co informe de Iglesias Mazaira, xa que entende que “esa curva estaba desprotexida e había que tomar medidas”, algo que tamén manifestaba o xefe de maquinistas.

Javier Illanes asegurou con rotundidade que se as autoridades tiveran feito caso ao informe de Iglesias Mazaira, o accidente non tería ocorrido. Ao seu xuízo, esta liña "monótona" con viadutos e túneles "non era 100% segura" e en concreto tratábase dun tramo complicado no que despois se introduciron medidas de seguridade. Aínda que "os medios existían", nese momento "non había nin sinal nin baliza".

Tamén subliñou que o accidente se produciu ese día pero, nas condicións en que circulaba o tren, "puido pasar noutro momento", polo que afirmou que lle gustaría que lle tivesen feito "caso" ao xefe de maquinistas que alertou do perigo.