Manuel Requeijo, alcalde de Muras

Manuel Requeijo: "Por xustiza social, os beneficios das eólicas deben repercutir na veciñanza"

Manuel Requeijo (BNG), alcalde de Muras desde 2015, posando fronte aos aeroxeradores presentes no municipio (Foto: Nós Diario).
Cando Manuel Requeijo foi elixido alcalde de Muras en 2015, o municipio xa tiña a maior concentración de parques eólicos da Galiza. Porén, no seu mandato fixo mudar a opinión de moitas veciñas e veciños sobre os aeroxeradores destinando os seus beneficios a sufragar boa parte da factura da luz. O rexedor conversa con 'Nós Diario' sobre a planificación eólica no país e o modelo de Muras. "O impacto acústico segue a ser palpábel. O impacto visual tamén é innegábel e choca coa promoción turística do municipio", lamenta.

-En 1995 principiou a construción do primeiro parque eólico en Muras. Hoxe é o concello da Galiza con maior concentración de aeroxeradores (381) por habitantes (619), mais a situación semella ser distinta á que se vén denunciando nas últimas datas no resto do país. Que diferencia o modelo eólico de Muras?

Desde que chegamos ao Goberno en 2015, e xa antes, entendemos que toda esa riqueza que xera a enerxía eólica, máis aínda en Muras, debía repercutir dalgún modo na veciñanza que habita o territorio afectado. Por unha cuestión de xustiza social, de democratizar o reparto da riqueza da enerxía do vento, que é de todos e non pode ficar nas mans duns poucos.

Cando accedín á alcaldía xa estaban os parques en funcionamento. Nós non teríamos feito as cousas como se fixeron, xa que negociaron de costas á veciñanza e a Administración actuou en conivencia coas empresas. Apuraban a xente, dicían que se non vendían ían expropiar. E os veciños venderon ou alugaron os seus terreos. En 2015 demos a volta a isto, temos unha visión moi distinta.

-Como repercuten eses beneficios que xeran os parques eólicos na veciñanza?

Con fondos propios do concello, promovemos que quen o desexe poida ter unha axuda para pagar o recibo da luz, da que actualmente se beneficia máis de 80% da veciñanza. Hai dúas liñas: unha para o uso doméstico, que pode alcanzar os 600 euros anuais en función da renda, e outra liña para pequenas e medianas empresas, cunha contía fixa de 1.500 euros.

-A poboación muresá leva case tres décadas coexistindo cos aeroxeradores. Como é esa convivencia?

Como con todo na vida, acábaste adaptando. Segue a haber queixas polo ruído que xeran os muíños, porque no seu momento a distancia ás vivendas era nalgúns casos de escasos 300 metros, e percíbese sobre todo cando arrincan e apagan as máquinas. Hoxe as distancias son maiores, mais o impacto acústico segue a ser palpábel. O impacto visual tamén é innegábel e choca coa promoción turística do municipio, polo que é importante buscar un punto de equilibrio.

Non estou en contra da enerxía eólica porque é positiva, mais non se poden pór muíños en calquera sitio, moi perto das casas ou mesmo en espazos protexidos. Queda moito por traballar aínda, cómpre repensar o plan eólico.

-O pasado 5 de xuño marcharon polas rúas de Compostela milleiros de persoas de toda Galiza protestando contra o que cualifican como unha "invasión eólica" do territorio. Porén, a percepción da veciñanza de Muras semella ser distinta.

A percepción que tes sobre os parques e o seu impacto naturalmente muda. Se no recibo da luz fináncianche até 600 euros ao ano... A ninguén lle sobra o diñeiro.

É unha cuestión de vontade política. Moitas veces desde a Administración invístense os cartos en cousas que logo non teñen valor para a xente para a que se goberna. Cómpre actuarmos para axudar as persoas coas rendas máis baixas e paliar a pobreza enerxética.

-Desde as empresas enerxéticas, a Xunta da Galiza e a Asociación Empresarial Eólica (a patronal do sector) tense defendido con insistencia que os proxectos eólicos xeran postos de traballo e contribúen a fixar poboación e dinamizar a economía dos concellos onde operan. Após seis anos á fronte do Goberno local, comparte esta afirmación?

Discrepo. No momento da instalación dos parques si hai certo movemento, e na obra civil xéranse algúns empregos, mais unha vez comeza operar, o número de postos redúcese. A día de hoxe eu teño constancia de cinco empregos directos e máis as empresas de mantemento, mais veñen xa coa súa propia xente.

-O concello de Muras vén perdendo poboación de forma practicamente constante nos últimos anos. De feito, comparando os datos actuais cos do ano 1996, a veciñanza reduciuse á metade. Cre que neste proceso de despoboamento puideron influír os proxectos eólicos?

Muras levaba 30 anos perdendo poboación, non creo que os parques eólicos, pola experiencia vivida, provocasen unha fuga de veciños, mais tampouco supuxeron un atractivo para que viñese a xente. Se as cousas se tivesen feito doutro modo, se os beneficios redundasen aquí e non nunha empresa con sede fiscal en Madrid, posibelmente moitas persoas si terían contemplado vir e quedar aquí.

"Quero que a xente vexa que Muras ten futuro"

O Concello de Muras vén de ser galardoado co Premio Eolo 2021 á Integración Rural da Eólica —outorgado pola Asociación Empresarial Eólica—. Alén de sufragar boa parte da factura da luz a centos de veciños e veciñas, o Executivo de Requeijo ten impulsado diferentes iniciativas para facer atractivo o municipio: "Puxemos en marcha un Punto de Atención á Infancia (PAI), bolsas de estudos, axudas ás Asociacións de nais e Pais (Anpa), unha cesta de benvida con produtos por valor de 300 euros para os recén nacidos...", salienta.

Aliás, Muras conta desde o pasado decembro co certificado Starlight que se concede aos espazos carentes de contaminación lumínica: "É un atractivo que nos leva a ser diana dun tipo de turismo moi concreto", di.

"Ofrecer servizos é a mellor forma de fixar poboación, que a xente vexa que Muras ten futuro", conclúe.