sábado 31/10/20
Caderno de Verán

Astronomía, desde Muras até o Universo

A vila do interior galego considérase bo observatorio astronómico porque a despoboación foi reducindo a contaminación luminosa. O Concello e a Sociedade Galega de Historia Natural traballan conxuntamente para conseguir o selo Starlite que emite o Instituto Astrofísico de Canarias
muras
Xogo de luces coa noite estrelada en Muras (Foto: Marcos López Alonso)

Muras vai ser observatorio de estrelas de Galiza coa certificación precisa para atraer o turismo astronómico. Este concello do rural está a piques de sumarse á exclusiva listaxe de municipios do país con selo Starlite. Así o avanza o responsábel da sección da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Marcos López Alonso, que co seu equipo leva traballando arreo co goberno local para garantir o obxectivo.

O departamento da institución segue "unha liña continuista" coas actividades que se viñan facendo anteriormente, como a divulgación, mais tamén está moi integrado co plan da vila de interior. De feito, unha das ideas é programar actividades alí para que a xente comprenda o que se está a perder pola contaminación luminosa presente na Galiza.

De cara ao final do verán, ou cando as condicións sanitarias o permitan, gustaríalles facer dúas xornadas nas que a mente do público só estivese centrada  no universo. "Pensábamos en facer unha para empadroados en Muras e outra para xente de fóra", indica o representante da SGHN.

Pero, á marxe destas saídas auto programadas, que significa o selo Starlite que outorga o Instituto de Astrofísica de Canarias? "Certifica que o ceo está en condicións mellores" para facer a observación. O experto aclara que "si na cidade podes ver entre 30 e 40 estrelas, alí a simple vista chegas a 3.000; é unha diferenza moi grande". Porén, isto tamén ten unha parte non tan idílica. Muras está máis preto do ceo pola "despoboación rural".

A consecuencia é que apáganse luces e vai mermando a contaminación. Diso xa saben algo no concello da Veiga, que dispón do seu observatorio.

comentarios