A Galiza berra o 'non á guerra': "Parece que non aprendemos nada do século XX"

A activista alemá contra o cambio climático Luisa Neubauer porta un cartel co lema "Paren a guerra" nunha manifestación en Berlín, o pasado domingo (Foto: Jörg Carstensen / DPA).
Un manifesto contra o conflito bélico conta xa coa sinatura de diferentes persoeiros dos eidos da cultura, a sociedade e a política galega como Mario López Rico, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Lois Diéguez, Antón Mascato ou a antropóloga portuguesa Paula Godinho.

Diferentes persoeiros dos ámbitos cultural, político e social da Galiza veñen de impulsar un manifesto a través da plataforma Change.org no que, baixo o lema 'Non á guerra. As vosas guerras, os nosos mortos' exixe "o inmediato cesamento de calquera hostilidade e a recuperación do argumentario das ideas como única confrontación posíbel". Até o momento asínarono máis de 160 persoas.

Un dos impulsores do texto é o escritor Antón Mascato, que afirma en declaracións a Nós Diario que se están a adherir "persoas moi diversas e con adscricións partidistas diferentes". Así, entre as persoas asinantes áchanse figuras políticas como Mario López Rico, Francisco Rodríguez ou o ex alcalde de Gondomar Antonio Araúxo.

No eido dos estudos sociais salienta a presenza de Carlos Taibo, Dionisio Pereira, Ramón Grosfoguel ou Xoán Carlos Garrido. Aliás, desde o mundo da cultura asinan o manifesto, entre outras persoas, Pilar García Negro, Lois Diéguez, Carlos Méixome ou Marisol Palomo, integrante do grupo Ialma.

Mascato salienta que se están a recibir numerosos apoios tamén desde Portugal, como é o caso da antropóloga Paula Godinho.

"Decidimos impulsar o manifesto pola enorme preocupación que nos produce que en Europa, logo de 20 anos sen guerra, volva ser escenario dun conflito bélico", defende Mascato.

Neste senso, pon o foco nas vítimas: "Preocúpannos, coma sempre, as vítimas da guerra, que tiveron que abandonar os seus fogares", di, e lembra que Acnur xa cifrou as persoas refuxiadas en máis de 600.000.

O escritor salienta tamén que países como Alemaña anunciaron que incrementarán os seus orzamentos en materia militar, "cando deberiamos camiñar cara á desmilitarización". "Parece que non aprendemos nada ao longo do século XX", lamenta.