O manifesto galego contra a guerra xa ten 400 sinaturas

Desprazados ucraínos en Polonia. (Foto: Kay Nietfeld/dpa)

Máis de 400 persoas asinaron nos primeiros días o manifesto Non á guerra. As vosas guerras, os nosos mortos, lanzado por un grupo de persoas como Antón Mascato, Dionisio Pereiro, Lola Varela ou Cruz López.

As e os impulsores destacan que malia o pouco tempo transcorrido xa conta co apoio de persoeiros como o escritor Suso de Toro, as escritoras Marica Campo e Beatriz Maceda ou a antropóloga da Universidade de Lisboa Paula Godinho.

Asemade, tamén asinou Xosé Enrique Costa, catedrático da Universidade de Vigo; o académico da Real Academia Galega Carlos Varela; a activista Laura Bugalho, o deputado do Bloque Nacionalista Galego Xosé Luís Rivas ‘Mini’ ou o voceiro de Anova, Antón Sánchez.

Un dos impulsores, Dionisio Pereiro, destaca que “se trata de acumular forzas e actuar en colectivo”, facendo fincapé en que “rexeitamos a intervención rusa en Ucraína e, ao tempo, devecemos por un mundo multipolar partindo da crítica á agresividade do bloque imperialista liderado polos Estados Unidos e a Organización do Tratado do Atlántico Norte”. “Veñen tempos moi duros e isto só é un comezo”, láiase Pereiro.

Amparo para as xentes do común

O manifesto defende que sexa a comunidade internacional a que “actúe de mediadora neste conflito, no seo de organizacións que, como a ONU, teñen esa misión principal”, ao tempo, solicita amparo para as “xentes do común de calquera nacionalidade ou territorio (en especial a poboación ucraína, incluída a de Donetsk e Luganks)”, lembrando que son “as vítimas dos crimes de guerra, desta e de todas as guerras”.

Aliás, insta a reducir os orzamentos en materia militar: "Os investimentos na militarización das nosas sociedades provocarán unha peor sanidade, educación, protección social, etc.".

Defendendo un mundo multipolar e o fin de calquera acción imperialista, o manifesto pide "salvagardar os dereitos e liberdades da cidadanía" e que os Estados español e portugués asuman unha "radical neutralidade, comprometéndose coa paz e a non intervención militar bélica".