Presentan o 'Manifesto Acibal', "contra o espolio dos nosos montes e os seus bens"

Presentación do 'Manifesto Acibal', este pasado sábado. (Foto: Nós Diario)
Destacadas figuras de referencia na cultura e a ciencia galegas como o escritor Manuel Rivas ou o arquitecto Pedro de Llano, entre as máis de 80 asinantes. O documento reivindica, entre outras cuestións, o "deber lexítimo das entidades públicas" de defenderen o patrimonio histórico e natural "por enriba dos intereses empresariais".

Plataformas sociais e veciñais contra o "espolio" dos montes galegos da man do inzamento de parques eólicos veñen de asinar un manifesto, impulsado polo Colectivo pola defensa do Patrimonio A Forneiriña e Amil Sen Eólicos "a raíz do que está a acontecer no monte Acibal" —un proxecto paralizado cautelarmente pola Xustiza mais no que, segundo denuncia a veciñanza, a promotora segue a traballar—, que reuniu xa as sinaturas de máis de 80 profesionais e grandes figuras da cultura e ciencia galegas.

Os colectivos levan meses traballando neste manifesto e están "encantados" co apoio recibido de referentes de diferentes ámbitos como a Arqueoloxía, a Bioloxía ou as Artes de todo o país. Durante a súa elaboración tamén tiveron contactos con arqueólogos internacionais que están a estudar en detalle os petróglifos —algúns xa desaparecidos— atopados pola veciñanza no Acibal.

O contido deste texto chama á acción, reclamando o "deber lexítimo das entidades públicas" de defenderen o patrimonio histórico e natural "por enriba dos intereses empresariais". As entidades impulsoras do manifesto instan á revisión dos proxectos de 'macroeólicas' en zonas arqueolóxicas, a mellora dos instrumentos de avaliación ambiental e a replanificación do modelo de desenvolvemento económico da Galiza.

Unha parte esencial do alegato é o "compromiso coa soberanía dos concellos que rexeitan a instalación de 'macroeólicos' nas súas áreas e a necesidade de preservar e pór en valor o rico patrimonio cultural e natural" do país, precisan. Tamén se subliña a importancia de conservar os espazos naturais para garantir a súa biodiversidade.

Este documento leva por nome 'Manifesto Acibal' —podes consultalo completo aquí— e os asinantes confían en que sexa "un chamamento a protexer os montes galegos e a súa rica herdanza cultural e natural para as xeracións futuras, promovendo unha visión de desenvolvemento sustentábel que respecte a historia e a natureza da nosa terra".

O manifesto preséntase a mesma semana que unha sentenza do TSXG suspendeu cautelarmente as obras no Acibal. Os veciños e veciñas lamentan que esta medida "non chegase antes", mais celebran e ven a sentenza como "unha oportunidade para que dunha vez se avalíen os danos reais no Acibal e a non viavilidade dun polígono eólico no medio de un xacemento arqueolóxico e atravesando unha zona de humidal".

Persoas e colectivos asinantes

  • Adolfo de Abel Vilela. Historiador.
  • Agustín Azkarate Garai-Olann. Director Cátedra UNESCO de Paisajes Culturales y Patrimonio. Universidade do País Vasco.
  • Alexandra Cabana Outeiro. Profesora e Fundadora da Revista Murguía.
  • Alexandre Peres Vigo. Docente na Universidade da Coruña.
  • Ana Isabel Filgueiras Rei. Arqueóloga municipal de Noia, profesora de Xeografía e Historia na UNED.
  • Ángel Sobrino Núñez. Profesor de Filosofía, Escritor e Divulgador da obra de Ramón Sobrino Buhigas e Ramón Sobrino Lorenzo.
  • Antonio Castro Rozados. Arqueólogo.
  • Antonio Costa Iglesias. Investigador, membro do Instituto Padre Sarmiento do CSIC, correspondente do Museo de Pontevedra no Morrazo, debuxante arqueolóxico.
  • Antonio de la Peña Santos. Arqueólogo membro do Instituto de Estudos Galegos e do Centro de Estudos Históricos de Pontevedra e Académico da Real Academia Catalá de Belas Artes.
  • Antonio González Millán. Director do Museo Valle-Inclán, A Pobra, e historiador.
  • Arturo Regueiro. Filósofo e escritor.
  • Asociación Capitán Gosende.
  • Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal).
  • Bruno Centelles. Membro da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoráns.
  • Bruno Rúa. Escritor, filósofo e guía turístico.
  • Buenaventura Aparicio Casado. Doutor en Historia e Antropólogo.
  • Calros Solla. Escritor e docente.
  • Carlos Baliñas Pérez. Historiador e profesor da Universidade da Coruña.
  • Carlos López Bernárdez. Crítico de Arte e escritor.
  • Carlos Varela Aenlle. Etnógrafo.
  • Colectivo Amigos dos Museos de Galicia
  • Damián Porto. Escritor e Arquiveiro.
  • Dario Seglie. Profesor, Doutor e Director Xeral do CeSMAP- Study Centre and Prehistoric Art Museum Polytechnic of Torino.
  • David Barreiro Martínez. Técnico de investigación do CSIC - Consello Superior de Investigacións Científicas.
  • David Otero. Escritor e Vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda.
  • Elena Cabrejas. Arqueóloga.
  • Elena Rodríguez Vieito. Activista medio ambiental.
  • Eli Ríos. Escritora.
  • Emma Pedreira. Escritora.
  • Encarna Otero Cepeda. Activista da cultura e o territorio.
  • Felipe Criado Boado. Arqueólogo do INCIPIT-CSIC.
  • Felipe-Senén López Gómez. Arqueólogo e Historiador da Cultura Galega.
  • Fernando Carrera. Arqueólogo, Restaurador especialista en Arte Rupestre.
  • Fernando Coimbra. Profesor no Instituto Politénico de Tomar, Portugal.
  • Fernando González Graña. Escritor.
  • Fernando Javier Costas Goberna. Investigador.
  • Fernando Salgado. Escritor e xornalista.
  • Fina Casalderrey Fraga. Mestra e escritora.
  • Fran Remiseiro. Escultor.
  • Héitor Picallo Fontes. Enxeñeiro Naval e Historiador.
  • Joaquín Araújo. Campesiño, escritor e activista ecolóxico.
  • José Casal Porto. Activista cultural
  • José Suárez Otero. Arqueólogo.
  • Juan Hermida. Doutor en Bioloxía e Director do Instituto de Estudos Miñoráns.
  • Julio Fernández Pintos. Arqueólogo especialista en Arte Rupestre.
  • Loli Quinteiro. Fotógrafa.
  • Manuel Busto Magdalena. Artista plástico.
  • Manuel Constantino Camba Gayoso. Carteiro e membro da AACC Liga Céltiga.
  • Manuel Ferreiro. Escritor e Catedrático da Universidade da Coruña.
  • Manuel Rivas. Escritor, guionista e xornalista.
  • Manuel Santos Estévez. Arqueólogo especialista en arte rupestre.
  • María Antonia Pérez Rodríguez. Profesora da Universidade da Coruña.
  • María do Rosário Sousa. Profesora do ensino básico na Escola de Chamusca, Portugal.
  • María Luisa Álvarez Garea. Activista cultural.
  • María Silva Gago. Doutora en Evolución Humana pola Universidade de Burgos.
  • Maribel Iglesias Baldonedo. Historiadora.
  • Mateo Fontán. Arqueólogo.
  • Miguel Ángel Álvarez Rodríguez. Xornalista e artista.
  • Mónica Fernandez-Aceytuno. Bióloga e Defensora do Monte do Gato.
  • Noemí Silva Sánchez. Doutora, investigadora especialista en turbeiras.
  • Pablo de Llano Neira. Xornalista.
  • Paula Vázquez Verao. Historiadora e activista cultural.
  • Pedro de Llano Cabado. Arquitecto galardoado co Premio de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2023.
  • Pepa Rey Castiñeira. Doutora da Universidade de Santiago de Compostela e Arqueóloga.
  • Piero Ricchiardi. IFRAO Italian Representative. Presidente do CeSMAP- Study Centre and Prehistoric Art Museum Polytechnic of Torino.
  • Pilar Sampedro. Docente e crítica literaria.
  • Rafael Quintía Pereira. Antropólogo.
  • Rodrigo Costoya. Docente e escritor.
  • Rosa María Regueiro. Profesora titulada de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Santiago Bas López. Doutor en Bioloxía e mestre.
  • Serafín González Prieto. Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.
  • Simon Doubleday. Profedor en Hofstra University.
  • Vicente Caramés Moreira. Arqueólogo do Museo do Mar de Vigo.
  • Vítor Xosé Cabaleiro Barroso. Biólogo.
  • Xilberte Manso de la Torre. Membro da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoráns.
  • Xosé Couñago Ribeira. Profesor.
  • Xosé Henrique Costas. Profesor da Universidade de Vigo.
  • Xosé Lois Vázquez Pérez. Fotógrafo, editor e deseñador.
  • Xosé Lois Vilar Pedreira. Arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoráns.
  • Xosé Luis Otero. Artista.
  • Xosé Luís Santos Cabanas. Escritor.
  • Xosé María Lema Suárez. Historiador e escritor.
  • Xulio Carballo Arceo. Doutor da Universidade de Santiago de Compostela e Arqueólogo.