Manifestación de Vía Galega en defensa dos dereitos nacionais da Galiza

Lonas estragadas na mostra de Vía Galega en Lugo. (Foto: Deputación de Lugo)
Unha manifestación convocada por Vía Galega percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 24 de abril, 176 anos despois do “abril de lume e ferro”. A mostra desta entidade en Lugo sufriu danos após un ataque, feito que foi denunciado ante a Policía pola Deputación.

A coordinadora de Vía Galega, plataforma en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, composta de 61 entidades de diversos ámbitos, vén de convocar para o 24 de abril unha manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela.

176 anos do "abril de lume e ferro"

A escolla desta data ten como motivo o 176 aniversario da Revolución galega do “abril de lume e ferro” -en palabras de Manuel María- de 1846, un dos episodios máis importantes da historia da Galiza e que infelizmente culminou cos fusilamentos dos “mártires da liberdade”.

A coordinadora fixo fincapé onte en que “todas as que anhelamos unha Galiza dona de seu temos unha cita en Compostela este 24 de abril”.

A Deputación de Lugo denuncia o ataque na mostra de Vía Galega

A Deputación de Lugo vén de presentar unha denuncia ante a Policía polos danos causados á mostra Galiza. Un pobo, unha selección. A exposición foi estragada nun ataque que resultou coa rotura de máis da metade dos paneis e cuns custos que se estiman en 1.380 euros.

Após a reposición das lonas, que se levará a cabo nos vindeiros días, poderase visitar até o 14 de febreiro na lucense praza de San Marcos.

A mostra, organizada pola plataforma Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, repasa a historia do deporte galego, afonda na participación de deportistas do país en competicións internacionais e reclama que a Galiza compita con seleccións propias en competicións internacionais, como fan outras nacións sen Estado como Gales ou Escocia.